A VeigaConcellosO BoloÚltima horaViana do BoloVilariño de Conso

Reunión para a posta en marcha dos novos GES ourensáns, con sede na Veiga e en Maceda

A directora xeral de Administración Local destaca que os novos grupos permitirán mellorar e completar o mapa de emerxencias de Galicia

Imaxe da reunión en Ourense.

 

A Xunta aposta pola “colaboración cos concellos para poñer en funcionamento os dous novos Grupos de Emerxencias Municipal (GES) da provincia de Ourense, aprobados o pasado novembro pola Comisión de Seguimento dos GES, da que forman parte o Goberno galego, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)”. Sinalábao esta mañá a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; durante unha reunión sobre a posta en marcha dos dous novos GES da provincia: un con sede na Veiga e outro en Maceda.

Na xuntanza tamén estaban presentes o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e, por videoconferencia, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, e os alcaldes de Maceda, Rubén Quintas e A Veiga, Juan Anta, os dous municipios que acollerán as sedes dos novos GES.

O novo mapa de emerxencias para garantir unha maior e mellor cobertura en Galicia en situacións de emerxencia inclúe 5 novos GES na comunidade galega (os dous xa citados de Ourense máis outros 3 en Pontevedra) e un servizo municipal no concello coruñés de Noia, o que supón que a comunidade conte cun total de 29 GES e 4 servizos municipais.

A directora xeral de Administración Local explicou que para que os novos grupos poidan funcionar o antes posible, os concellos que serán sede dos novos GES deberán adherirse ao convenio de colaboración que se asinará entre a Xunta, as deputacións e a Fegamo e, de ser necesario, impulsar os procesos de selección para contratar os novos efectivos, que rematarán coa formación impartida na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Para a proposta de localización dos novos grupos cos que mellorar e completar o mapa de emerxencias de Galicia, a Xunta tivo en conta “criterios técnicos para dar resposta á poboación da zona tendo en conta a situación de cada provincia, os GES non operativos trala renuncia dos concellos sede e as zonas sombra existentes logo de analizar as isócronas de cada servizo”, segundo a administración galega.

No caso da provincia de Ourense, o GES con sede en Maceda permitirá mellorar os tempos de reposta aos municipios de Maceda, Xunqueira de Espadañedo e Baños de Molgas e, ao mesmo tempo, atender aos concellos de Esgos, Paderne de Allariz e Vilar de Barrio, que ata agora dependían do GES de Pereiro de Aguiar. Ademais dos municipios anteriores, o GES de Maceda tamén atenderá as incidencias en Xunqueira de Ambía.

En canto ao GES con sede en A Veiga, que inclúe tamén aos municipios de O Bolo, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, permitirá que “varios destes concellos sen servizos de emerxencias a menos de 20 minutos, agora dispoñan del”, segundo a Xunta.

Xunto coa creación dos GES con sede na provincia de Ourense, a Comisión de Seguimento aprobou crear outros 3 na provincia de Pontevedra e o servizo municipal no concello coruñés de Noia. En Pontevedra Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente serán atendidos polo novo GES da Cañiza; Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, A Lama e Ponte Caldelas, por outro con sede en A Lama; e Mos, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior, polo GES Mos/Redondela, cunha base en cada un dos dous municipios.

A creación destes 6 novos grupos suporá un incremento do investimento por parte da Xunta duns 300.000 euros ata os 4,8 millóns de euros, máis da metade do custo anual dos GES.

Artigos relacionados

Back to top button