SanidadeÚltima hora

“Revolución teenager”, proxecto do Centro de Saúde do Carballiño, galardoado co II Premio Sedap-Ferrer Galicia

Trátase dun programa o de promoción da saúde sexual e prevención de condutas de risco

 

Tres proxectos innovadores da sanidade galega foron recoñecidos hoxe pola Sociedad Española de Directivos de Atención Primaria en Galicia. Na entrega do II Premio Sedap-Ferrer Galicia, celebrada no salón de actos da Consellería de Sanidade e presidida polo secretario xeral técnico deste departamento, Alberto Fuentes, distinguíronse tres iniciativas destacadas que o Goberno galego desenvolveu no ámbito da atención primaria.

Concretamente, a atención ao paciente con covid persistente, proxecto desenvolto pola xerencia da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e polo centro de saúde de Illas Canarias, en Lugo, foi recoñecido como iniciativa de promoción e prevención da saúde e pola súa contribución á mellora dos resultados en saúde de pacientes e familiares.

Este proxecto, no que tamén participaron a Fundación para a Formación e Investigación da Sociedad Española de Médicos Generales e de Familia (SEMG) e polo centro de saúde de Menasalbas (Toledo) e de Fuentes de Ebro (Zaragoza), dedícase ao estudio da covid-19 como enfermidade emerxente persistente, e o seu obxectivo principal é incrementar o coñecemento desta afección para mellorar a atención sanitaria e a saúde dos doentes.

Outra das iniciativas premiadas no ámbito da prevención foi o programa de promoción da saúde sexual, emocional e prevención de condutas de risco na mocidade “A Revolución teenager”, posto en marcha polo Centro de Saúde de O Carballino. A iniciativa pretende promocionar entre os adolescentes unha saúde emocional e sexual sen condutas de risco a través dun obradoiro celebrado en dous centros educativos da zona.

O terceiro proxecto premiado foi o de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE) posto en marcha no centro de saúde Illas Canarias, en Lugo, e no centro de saúde de Culleredo (A Coruña), que destacou na categoría de medidas innovadoras que melloran a xestión dos procesos asistenciais. O XIDE é un programa informático para a citación de pacientes que, en función do motivo da consulta expresado polo doente, establece o tempo de atención, o modo de atención inicial e o profesional ou profesionais que prestarán a citada atención.

Trátase, en definitiva, de proxectos elaborados no ámbito local por profesionais de atención primaria. Iniciativas que pretenden implantar melloras na organización dos centros de saúde e dos procesos asistenciais. Os galardóns recoñecen o valor na innovación en atención primaria e destacan as iniciativas máis novidosas que poden ser extrapoladas ao resto dos servizos.

 

 

A esta convocatoria presentaronse un total de 12 proxectos, que foron avaliados por un comité de expertos profesionais da cátedra de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC con experiencia en formación e investigación. Estes profesionais avaliaron varios ítems e seleccionaron as tres candidaturas que obtiveron mellor puntuación en cada un deles.

A atención primaria, peza esencial na calidade do Sergas

Durante o acto de clausura da entrega de galardóns, o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, recoñeceu o traballo dos equipos directivos e dos profesionais de atención primaria. “Ambos sodes as dúas pezas esenciais para consolidar de maneira sólida a calidade do Servizo Galego de Saúde, tanto no acceso do paciente ao sistema sanitario, como no seguimento integral que precise no transcurso da súa enfermidade”.

Alberto Fuentes destacou o cambio organizativo que está a poñer en marcha a Xunta, “unha transformación necesaria para manter a atención primaria da nosa comunidade como unha referencia nacional e internacional”. Neste sentido referiuse aos Plans Locais de Saúde, deseñados de maneira multidisciplinar polos propios profesionais dos centros de saúde, e que obtiveron moi boa valoración por parte dos cidadáns. “Xa están presentes en 14 centros, e a final de ano acadaremos os 28″, dixo.

O secretario xeral da Consellería de Sanidade lembrou finalmente que o Goberno galego é consciente da importancia crucial que ten a atención primaria para prestar unha atención de calidade aos cidadáns e agarda “que poidamos seguir afondando, en colaboración cos profesionais, nas reformas necesarias para fortalecer e mellorala, para que siga a ser un modelo de referencia en España e no mundo”.

Artigos relacionados

Back to top button