ConcellosO BarcoÚltima hora

Rexeitada a moción do PP sobre a conservación e mellora da N-120

Os 9 votos en contra dos socialistas impedían que saíse adiante, xa que o PP e o BNG si votaban a favor da mesma

 

Os nove votos do partido socialista na Corporación do Barco impedían que saíse adiante a moción presentada polo grupo municipal do PP no pleno desta tarde na que se pedía un plan integral de mantemento da estrada N-120 e que se solicitase ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a licitación no primeiro semestre deste ano das obras de construción dos novos carrís de adiantamento nesta estrada dende Os Peares/Alto da Guítara ata Ourense. A iniciativa só contaba cos 5 votos do PP e cos 3 do BNG.

A moción, presentada polo edil popular Antonio Melo, aseguraba que “o adecuado mantemento da N-120 esixe unha planificación integral de conservación e mantemento, fortes incrementos dos orzamentos do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, e a licitación e realización de obras de conservación adicionais ás actuacións realizadas cos contratos de conservación e explotación por sectores nos que se divide a Rede de Estradas do Estado. Unha planificación que deberá incluír un plan de choque extraordinario para solventar os problemas identificados nos firmes e as estruturas, así como un programa de xestión preventiva de elementos como muros, taludes e obras de paso”.

Tras a súa exposición, o voceiro do BNG, Suso Vilasánchez anunciaba o voto a favor do seu grupo, “nós estamos de acordo en que arranxen a N-120 e apoiaremos calquera moción que defenda as estradas, as vías de comunicación. E xa que estamos así e temos a Deputación tan colaborativa, ¿por que non piden o arranxo da de San Vicente”.

 

 

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, explicaba que o seu grupo defende ese arranxo e que se lle presentara pouco antes do pleno ao PP unha emenda a esa moción, pero que non era aceptada polo PP. Nese senso o voceiro socialista, Aurentino Alonso, dicía que “nós estamos de acordo, a estrada está totalmente deteriorada e iso sufrímolo todos, pero a moción na parte na que se solicita ao Ministerio, vostedes piden a posta en marcha dun plan inmediato de conservación. É que ese plan integral xa existe e chámase “execución de diversas operacións de conservación e explotación das estradas do sector OR-01 entre o túnel de Covas e o encoro de San Martiño na Rúa e, logo, no sector entre Os Peares e Ourense. E ese era o noso plantexamento, corrixir eses erros. Ademais nós no noso escrito plantexabamos solicitarlle ao ministerio a aplicación dos plans de conservación e explotación vixentes nos sectores OR-01 (provincia de Ourense) e LU-03 (provincia de Lugo), especialmente dende a zona do túnel de Covas ata a ponte romana de Ourense. E no segundo punto poñíamos a licitación ao longo do ano 2024 das obras de construción dos novos carrís de adiantamento Os Peares/Alto da Guítara ata Ourense. E dicimos ao longo do 2024 porque os técnicos nos din que agora mesmo, tal e como está o proxecto, é imposible licitalo en seis meses porque estamos cuns orzamentos do Estado prorrogado”.

 

 

O concelleiro do PP, Antonio Melo, respondía que “o que queremos con esta moción é que a cidadanía do Barco teña uns mínimos de calidade de vida, se a estrada está feita unha porquería haberá que arranxala. Di vostede que hai un plan integral de mantemento en vigor, ¿e as máquinas onde están? Nós o que queremos é que se arranxe a estrada, só queremos poder circular, non pedimos cousas estrañas”. Finalmente, a moción resultaba rexeitada ao non contar cos votos do grupo municipal socialista.

Artigos relacionados

Back to top button