DeportesÚltima hora

Ribadavia acollerá o galego de campo a través o vindeiro 9 de xaneiro

O valdeorrés Alejo Ares (Adas) estará entre os 200 atletas que disputarán este campionato autonómico

Presentación do galego de cross./ Foto: FGA.

 

Ridadavia abre atleticamente falando o ano 2022. Esta vila acollerá o vindeiro 9 de xaneiro a partir das 11:40h. o Campionato de Galicia de Campo a Través. Así de anunciaba esta mañá na presentación desta cita galega, que contaba coa asistencia da alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, a do presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Isidoro Hornillos; así como coa presenza do concelleiro de Deportes, Enrique Rodríguez, e do delegado da FGA en Ourense, Ángel Fidalgo.

Neste acto abordábanse os aspectos técnicos da proba, así como a importante tradición de Ribadavia en acoller probas autónomicas de campo a través, sumando con esta, un total de cinco edicións (2011,2016,2017 e 2018) e “cuxa excelente organización resultaría en todas elas, o aspecto máis salientable”, segundo a FGA. Para este ano, novamente o Concello de Ribadavia aposta por facer desta gran cita invernal galega un novo éxito organizativo, sendo un dos elementos máis salientables a adecuación do circuíto de A Veronza, ubicado nunha fermosa contorna paisaxística en pleno paseo fluvial xunto ao río Avia.

O valdeorrés Alejo Ares, entre os 200 atletas do galego de cross

Con este Campionato de Galicia de Campo a través inaugúrase unha nova tempada que continúa marcada polas medidas de seguridade e control fronte ao Covid. Pese a iso, contarase con preto de 200 atletas, entre os que destacada a presenza de Manuel Hurtado da Ximnástica de Pontevedra, gañador na edición do ano 2018, ou a de Antonio Serrat do Real Club Celta e Alejo Ares do Adas do Barco, ouro e bronce respectivamente na edición do 2019 en As Pontes. Un dos grandes valores do noso deporte Medhi El Nabaoui será outra das máximas atraccións e aspirante ao título sobre o trazado de A Veronza.

No resto de participantes poderá seguirse con especial atención ás evolucións do campión galego Sub20 Jorge González Mariño do Atletismo Narón, a do seu compañeiro de equipo Juan Rejas, a de Pablo Monteagudo do C.A.Santiago, Iván Roade do Adas Proinor e a de Bilal Dahmouni do R.C.Celta entre outros

Na categoría absoluta femenina e ante a ausencia da campioa galega, a lucense Marta Casanova, destácase a participación da internacional Esther Navarrete quen fora xa por dúas veces campioa galega nas edicións do 2015 e 2017 así como a de Angela González do Marathon, subcampioa galega no 2020. A vixente campioa Sub23, Laura Santos do Lucus Caixa Rural tamén estará na loita polos postos de honra nesta categoría. De igual modo estaremos moi pendentes das actuacións de Antía Rodríguez do Adas Proinor, Mariam Ferran do Atletismo Santiago e Paula de la Torre da Ximnástica, entre outras.

Mención especial merece a importante atleta máster Soledad Castro Soliño do Comesaña S.C. quen de longo é quen máis edicións ten disputadas deste campionato.

Prazas en xogo para a Selección Galega

Este campionato contará co engadido de ser selectivo para formar parte da Selección Galega que tomará parte no Campionato de España de Campo a través a desenvolverse en Xaén. Por decisión técnica, os catro primeiros clasificados/as de cada categoría, estarán incluidos de forma automática nesa lista que competirá en terras andaluzas o vindeiro día 30 deste mes.

Artigos relacionados

Back to top button