CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Ribadavia acollía a gala de clausura das XXXIX Xornadas de Folclore, tras 10 días de actuacións

Os compoñentes dos grupos de Panamá, México, Colombia, Senegal, Taiwán e Serbia destacaban a “boa acollida” dos ourensáns

 

A música, cor, cantos e danzas das seis culturas diferentes, procedentes de catro continentes, que participaban nas XXXIX Xornadas de Folclore de Ourense, despedíanse dos escenarios da provincia no Castelo de Ribadavia. Concluía así dez intensos días nos que estes grupos enchían as noites ourensás dunha riqueza excepcional.

Así as agrupacións folclóricas de Panamá, México, Colombia, Senegal, Taiwán e Serbia, participantes nesta XXXIX edición, entusiasmaron ao público cos seus vistosos espectáculos. Bande, A Rúa, Celanova, O Barco, Manzaneda, O Carballiño, Trives, Allariz, Maceda, Viana do Bolo, Entrimo, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Verín e Ourense, xunto con Ribadavia na noite do 21 de agosto, foron anfitrións perfectos para o folclore do mundo.

A actuación final deste 2024 abríaa o grupo de Panamá, seguido de Senegal, Colombia, Taiwán, México e Serbia. Máis dunha hora de actuacións para despedirse de Ourense nun marco excepcional no que se une patrimonio cultural material e inmaterial.

 

 

Este evento cultural, moi esperado polo público neste mes de agosto, está organizado pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións

Os responsables de invadir as rúas e prazas da provincia de historias recuperadas do folclore e da maxia do baile dende todo o mundo foron este ano O Ballet Jammu de Senegal, o grupo de Panamá, Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas, o Yuan Yuan Dance Group de Taiwán, os mexicanos de Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya, os serbios de Kud Srem e os compoñentes do grupo colombiano da Fundación Ballet Folclórico de Nobsa.

Todas as persoas que conforman o elenco artístico manifestaron a súa “gratitude” ao público ourensán “pola excelente acollida” en cada unha das vilas, onde os longos aplausos foron o mellor agasallo recibido, e a organización “polo bo trato e a atención continuada”.

Neste 22 de agosto os grupos participantes nestas Xornadas de Folclore inician a súa partida.

Back to top button