En portadaÚltima hora

Ribas de Sil pon en marcha o CIMAR, o Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana, no Xeoparque Montañas do Courel

Dentro do recinto do xeocamping, en San Clodio, era inaugurado no marco da XVII Festa da Cereixa

 

A fin de semana do 4 e 5 de xuño foi moi especial para Ribas de Sil (Lugo). Non só porque este concello, enmarcado no Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, recuperaba con éxito a súa Festa da Cereixa e do Aceite na que este ano incluían o Viño, senón porque quedaba inaugurado o CIMAR, Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana, “o primeiro museo sobre minería romana de Galicia”, puntualiza o concelleiro de Cultura de Ribas de Sil, Roberto Castro.

 

Exterior do CIMAE, en San Clodio.

 

El mesmo explica que forma parte da rede de centros do Xeoparque Montañas do Courel, xunto co Museos Xeolóxico e Etnográfico de Quiroga e o Museo das Covas de Meiraos, en Folgoso do Courel, entre outros.

Ubicado en San Clodio, no recinto do xeocamping que porán en marcha proximamente, o CIMAR é un espazo expositivo duns 200 metros cadrados que ocupa un edificio de nova construción de dous andares. No primeiro, dividido en tres salas con temática distinta pero comunicadas entre si, está a recepción, a exposición e os baños; mentres que o superior contén un espazo para audiovisuais.

 

Porta de acceso ao museo.

 

A primeira está adicada ao Xeoparque “para darlle unha coherencia a todos os centros de interpretación, xa que o nexo de unión é que todos están nun territorio chamado Xeoparque, o único mundial da Unesco que existe en Galicia (só hai 15 en España e 171 en todo o mundo)”, puntualiza Roberto. Nesa sala atopamos un panel co mapa xeolóxico e outro xenérico con todos os lugares de interese, ao tempo que se vai introducindo o tema do ouro no xeoparque con algúns paneis indicando as principais minas tanto primarias como secundarias que hai en todo o territorio. “As secundarias son as que proceden de depósitos aluviais polo que están todas en torno ás marxes dos ríos Sil e Lor primcipalmente, mentres que as primarias están xa na montaña”, explica o concelleiro, puntualizando que a diferenza entre unhas e outras é que “nas primarias o que se facía era machacar as cuarcitas e de aí íase sacando por filtracións o ouro; mentres que as explotacións secundarias son aquelas nas que as forzas da natureza fixeron a erosión quitando a pedra e deixando só o barro que por filtración levaba o ouro”.

 

O Concelleiro de Cultura de Ribas de Sil, Roberto Castro.

 

A segunda sala do museo alberga os contidos relativos aos comezos do ouro, dende a súa aparición, na prehistoria, ata o momento inmediato á chegada de Roma. “Aquí fálase da vida dos castrexos e de como traballaban nas minas. Hai moita xente que pensa que eran esclavos pero non é certo, eran persoas libres que traballaban ou ben a cambio dun salario ou ben para pagar os impostos marcados polos romanos. Aí hai unha serie de reproducións de avalorios como torques ou pendientes de ouro “, explica  Roberto.

Coa axuda dun audiovisual explícase as diferentes técnicas de explotación e extracción do ouro que se fixeron en toda a contorna “onde haberá máis de 150 minas”, puntualiza. Tamén hai unha maqueta do territorio do Xeoparque coa localización de todos os lugares de interese (as aldeas paleozoicas, o Pregamento de Campodola, as principais aldeas,…), entre outros artiluxios como os que se empregaban para batear a carón do río, “unha técnica de extracción que se utilizou a través das Aureanas ata 1920 máis ou menos”.

 

Recreación dun Chorobate, na terceira sala do museo.

 

Nesa segunda sala tamén se fala da Ruta do Complexo Mineiro do Covallón. “Trátase dun percorrido circular como complemento perfecto á visita do museo, de 6 quilómetros, para ver a través de paneis a magnitude do movemento de terras e traballo que fixeron os romanos e os castrexos en diferentes minas. Son 4-5, sendo a máis importante a do Covallón cun burato no terreo descomunal de onde tamén se sacaba ouro”, conta Roberto, destacando que se trata “da primeira ruta arqueolóxica de minaría aurífera romana que hai en Galicia” dende a cal vese perfectamente todo o Xeoparque.

O terceiro e último dos espazos está adicado por completo ao mundo romano, tanto aos cambios que provocou nas sociedades previas como aos sistemas de minaría do ouro. Aí temos a reprodución dunha mina con todas as técnicas de explotación e no centro a dun Chorobate, “unha estrutura de madeira de 5-6 metros de longa que serve a efectos de topografía para intentar darlle ao percorrido a pendente mínima necesaria para que a auga poidera chegar ao seu destino. Hai ilustracións que explican como se ían calculando”, di Roberto, engadindo que nesta sala tamén hai unha peza orixinal: un trozo de granito, moi erosionado, que se utilizaba para machacar a cuarcita, transformala en po e por filtración sacar o ouro.

 

Vista dende o interior do museo.

 

E como non podía faltar, hai tamén maqueta do Túnel de Montefurado “que non tiña as dimensións que ten agora, xa que derrubouse en 1938 e con el un castelo que había enriba”, lembra Castro, explicando que a maqueta que hai no museo é a reprodución dese túnel pero no século XIX (co castelo e sen encoros, sen estradas, coas explotacións agrarias ata o propio límite do río,…) con outra reprodución máis pequena oa lado xa da actualidade coa N-120 e o ferrocarril.

O edificio que alberga o centro de interpretación foi construído polos propios veciños do municipio a través de dous obradoiros de emprego e grazas a unha axuda do Plan de Sostibilidade Turística que xestiona o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, pudo facerse todo o proxecto da instalación eléctrica e acondicionar no andar superior a sala de audiovisuais. Ademais o material da primeira fase foi co Plan Único da Deputación de Lugo, o da segunda fase cunha subvención de Turismo de Galicia e a musealización cun proxecto Leader, á parte da aportación do Concello.

Fotos Carlos G. Hervella e Concello de Ribas de Sil.

Artigos relacionados

Back to top button