ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Río proxecta converter o Albergue Os Biocos nun centro de interpretación de novas tecnoloxías e enerxías renovables

Era un dos catro puntos principais abordados na sesión plenaria celebrada pola Corporación este 27 de abril

Imaxe dunha sesión plenaria anterior en San Xoán de Río.

 

Neste 27 de abril a Corporación municipal de San Xoán de Río celebraba unha sesión plenaria con catro puntos principais “para seguir avanzando en San Xoán de Río”, en palabras do seu alcalde, Xosé Miguel Pérez. Un deles era o expediente para a contratación-adquisición dun tractor. “Sacamos a concurso público a compra do novo tractor-rozadora para o noso concello, tralo convenio asinado entre a Deputación de Ourense, a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) e o Concello”, explica o rexedor.

Na orde do día tamén se incluía unha bolsa de emprego. “Tal e como prometimos, mudamos a forma de acceso ao traballo público en San Xoán de Río. Os 5 postos de traballo mais comúns, Axuda no fogar (SAF), Auxiliar Administrativo, Peón, Peón Forestal e Tractorista, estarán nunha bolsa de emprego que será actualizable cada 6 meses. Conseguiremos así unha lista clara e transparente sobre o emprego público. Enviaremos un bando municipal a todos os pobos para que todos os veciños que o desexen se apunten nestas listas. Agardamos en 2 meses estar funcionando con este sistema”, resalta Xosé Miguel Pérez Blecua.

Outra das cuestións abordadas era a mutuación demanial da Aula da Natureza, de cara a facer dela un “lugar de ocio. Por unha banda co Plan Provincial da Deputación de Ourense arranxando as piscinas, construíremos unha pista de fútbol praia e unhas churrasqueiras para que os nosos veciños e visitantes gocen dun lugar onde desfrutar en familia. Ademais hoxe no pleno, aprobamos o cambio de uso, para que a Aula da Natureza poida ser un bar/chiringuito para crear unha nova oferta hosteleira en San Xoán de Río que xere emprego e servizos”, indica o rexedor de Río.

Na orde do día do pleno figuraba así mesmo a desafectación do albergue Os Biocos. A intención do Concello é transformar estas instalacións nunha “área de estudos e convencións. Como sempre dixemos, nós apostamos polo talento e a universidade, e tentaremos convertir o antigo DECCA nun Centro de interpretación de novas tecnoloxías e enerxías renovables previo a crear parte do Campus Universitario Rural Galego en San Xóan de Río”.

Artigos relacionados

Back to top button