En portadaÚltima hora

Río, un dos concellos máis envellecidos de Europa, amosará a súa problemática en Bruxelas

Vista da capitalidade de San Xoán de Río./ Cedida.

 

“A idade media da poboación da Unión Europea aumenta cada ano, superando xa os 44 anos e dentro dela hai unha zona, con epicentro en San Xoán de Río que bate records e a media de idade xa supera os 63,5 anos”, destaca o alcalde deste municipio, Xosé Miguel Pérez, “e a verdade é que non pode ser mais desolador o panorama. Dende a entrada de España na Unión Europea, o concello de San Xoán de Río perdeu o 80% da súa poboación pasando de 3.000 a 500 habitantes, pechando o 90% das explotacións agrogandeiras das 300 que había, obrigando á xente xove a emigrar, pasando dunha ducia de colexios a pechar todos”.

O grupo de goberno municipal aposta por darlle a volta a esta situación, e aseguran que isto está dando xa os seus froitos. “Por primeira vez levamos 2 anos aumentando en poboación, tras moitos anos sen crearse ningunha empresa son varias as iniciativas privadas que se animan a probar sorte en San Xoán de Río e a Silver Economy, no lugar mais lonxevo do mundo está chamada a ser o novo motor económico da zona”, sinala o rexedor.

Co fin de expoñer as estas problemáticas na Unión Europea e “as que entendemos que son as solucións a aplicar”, un grupo de 25 veciños de San Xoán de Río, organizados por Ceus viaxarán esta semana a Bruxelas, onde pasarán 4 días para “coñecer as insititucións europeas e facer os contactos necesarios para que o rural volte a ser un lugar para poder vivir sen ter que emigrar. San Xoán de Río ten a día de hoxe os datos demográficos que vai ter Europa nun futuro non moi lonxano, e queremos ser un laboratorio de probas para mellora da calidade de vida da nosa veciñanza e con elo ser o espello para o resto de pequenos concellos rurais europeos coa mesma problemática ca nosa para poder mudar a situación actual”, comenta Pérez Blecua.

A expedición estará composta, por unha banda, pola xuventude do municipio organizada a través da Asociación Cultural RíoMola que pretende dotar de oportunidades laboráis e actividades culturais para a zona, as mulleres do concello a través da Asociación de Mulleres Anel, varios gandeiros e, sendo o concello mais lonxevo de europa, un grupo de xubilados, representantes da Silver Economy, “que na terra dos centenarios demandarán unha mellora de servizos e calidade de vida para que toda a xente xubilada poida elexir outra forma de vida no rural”, di o alcalde.

Ceus, organizador da viaxe, prevé unha intensa axenda para levar adiante todos os proxectos que serán plantexados en Bruxelas pola veciñanza de San Xoán de Río. No primeiro dos días están previstas reunións con eurodeputados e a visita a Fundación Galicia Europa. A xornada máis intensa chegará o venres coa visita ao Parlamento Europeo e a visita a casa da historia europea. Xa o sábado, tralas últimas reunións técnicas, regresará a expedición a San Xoán de Río.

Artigos relacionados

Back to top button