Na tarde do venres 11 de novembro, os magostos sucedíanse ao longo e ancho da xeografía ourensá. Dende os centros escolares ata os concellos, pasando polas asociacións culturais, de amas de casa e todo tipo de colectivos.
Un deses colectivos, a gran familia Abertal, celebraba o seu na Casa da Cultura da Rúa. A escola de música e baile tradicional disfrutaba a ritmo de bombo, pandeireta e coro, dunha merenda-cea coas castañas asadas como prato estrela.
Tras o chourizo con pan e a bebida, os asistentes (alumnos, profesores, familiares, amigos,…) degustaron as castañas recén asadas. Como cabía esperar, despois viría a música e o baile no que os máis pequeños da escola engaiolaron ao público co seu ritmo e arte, demostrando, guiados polos profesores, o que pouco a pouco van aprendendo da man de Abertal.
Fotos: Mónica G. Bellver