EconomíaEconomíaÚltima hora

Roberto Dobao, creador da app da Festa das Covas de Vilamartín: “intentaremos mellorala todo o posible a partires das suxerencias dos propios usuarios”

Este veciño de Vilamartín busca axudar a xerar ingresos aos negocios locais a través desta plataforma en alza

Roberto Dobao, é un veciño de Vilamartín que se ofreceu a facer unha aplicación móbil para esta vixésimo terceira edición da Festa das Covas de forma totalmente gratuíta. Así, recalca que o seu principal obxectivo é axudar aos negocios locais a partires desta plataforma en alza.

 

Roberto Dobao, o creador da app.

 

Como xurdiu a idea de facer unha aplicación para a Festa das Covas?

Levo case dou anos preparando un proxecto chamado “Valdeorrapps”, o cal conto que poida ver a luz a partires de mediados de setembro aproximandamente. É un proxecto que terá como obxectivo principal fomentar o consumo no comercio local da nosa comarca a través do uso de aplicacións. Hai un dato moi importante, que vai crecendo ano tras ano e revela que o uso en dispositivos móbiles xa está moi por enriba do uso doutros dispositivos. Ademais, a tendencia segue estando en alza. Isto é unha forma moi cómoda de facer todo tipo de xestións, entón, por que non facer o mesmo e aplicalo ao comercio da nosa zona? A raíz deste pensamento, pensei en facer algo para a Festa das Covas, algo sinxelo que nos permitise comunicar tanto á xente de fóra como aos nosos veciños a información básica desta festa e que ao mesmo tempo lle permitise interactuar entre eles. Propúxenllo aos meus amigos coveiros e aceptaron a proposta sen dubidalo. Digamos que isto é unha versión beta, e a partir dela puliremola e intentaremos mellorala todo o posible a partires das suxerencias dos propios usuarios, faremos unhas melloras considerables para as edicións sucesivas, o que incluirá tamén unha versión para a versión dos dispositivos Apple, que traballen con sistema operativo iOS.

Está dirixida a un público en concreto?

A verdade é que non especialmente, o que pretendemos de feito é que sexa apta para calquera que queira coñecer a oferta que propón esta festa, pero está claro que vai ter máis utilidade para as persoas que asistan a ela. Iso si, facemos fincapé en que aos menores de 18 anos non lle está permitido consumir alcol. Isto intentamos deixalo claro dende o primeiro intre, xa que dende o momento de entrar en Google Play para descargar a app, veremos unha advertencia de que non é adecuada para menores. Isto é debido a que forma parte das políticas de Google, xa que é unha aplicación que trata sobre un evento que inclúe consumo de alcol.

 

Aplicación.

 

O contido foi idea súa ou se fixo conxuntamente coa Asociación de Coveiros de Vilamartín?

O que tiñamos claro dende un principio era incluír uns aspectos básicos, como a programación, a posibilidade de contactar coa Asociación de Coveiros, o ruteiro, información sobre o servizo gratuíto de autobús e a venda de entradas online, que era algo que se estrenaba este ano. A partires de aí, déronme a liberdade de incluír todo o que eu considerase apropiado, cousa que lle agradezo enormemente, xa que iso demostra a confianza no meu criterio. Así, un dos meus obxectivos era que a xente puidera interactuar con nós e foi a partires de aí que decidín engadir o rincón social e os formularios de mellora, que están dispoñibles tanto para a mellora da festa como para a mellora futura da nosa app.

Confía en que teña éxito?

Se por éxito entendemos que poida ser de utilidade e contribúa a mellorar a festa do noso pobo, espero que si. É reconfortante saber que todo o tempo e esforzo invertido nela non foi en van, xa que detrás dunha app coma esta, que en principio pode parecer sinxela, hai moito traballo detrás. É un proceso laborioso que comeza coa estruturación de ideas e remata lidiando co proceso de publicación na tenda de aplicacións, que son cada vez máis estrictas e polo tanto máis tediosas.

Leva moito tempo deseñando apps ou é o seu primeiro traballo?

Deste tipo é o meu primeiro traballo; levo anos deseñando páxinas web para amigos e negocios propios ou de familiares, pero dende fai dous anos decidín comezar a formarme no mundo das apps móbiles. Comecei facendo aplicacións de utilidades gratuítas, monetizadas soamente a través de campañas de anuncios dunha plataforma pertencente a Google, pero agora quería aproveitar estes coñecementos para axudar ás pequenas empresas a xerar ingresos a través delas.

Texto: Alba Prada

Artigos relacionados

Back to top button