
Ata o 30 de abril o Espacio de Arte de Roberto Verino en Ourense acolle a exposición da artista Ana Navas Detrás de la Mirada.
“Sólo cuando la mirada se abre al par de lo invisible, se hace una aurora y se detiene, entonces, aunque no perdure y sólo sea fugitivamente, pues crea así el instante”. Ese fragmento de La Mirada de María Zambrano acáelle á perfección á mostra que Ana Navas inauguraba onte no espazo expositivo que Roberto Verino ten na ourensá rúa do Paseo.

A autora asegura que lle gustaría que esta exposición fose un encontro coas mulleres que retrata. Un encontro entre elas e o espectador. “Todas son mulleres que forman parte da miña vida, a algunhas admíroas sen coñecelas e outras xenerosamente compartiron conmigo o que hai detrás da súa ollada”, di, recoñecendo que que a primeira impresión vén dada polo tamaño da obra.
“Sempre me gustou o gran formato, pero a singularidade dos retratos radican na súa ollada e nos seus ollos grandes. A través deles intentei transmitir a súa esencia e a súa verdade. O tamaño do lenzo e a magnitude do rostro conseguen crear un efecto envolvente, case inmersivo, de xeito que no espectador esperta a curiosidade de achegarse mais. Ese instante fugaz e efímero da ollada, ese momento, ao igual que na vida, e suficiente para crear (malia que brevemente) unha historia, porque o que queremos ver dependerá só de nos”, conclúe.