ConcellosÚltima hora

Romaría de San Francisco Blanco, esta fin de semana en Outarelo, O Barco

A procesión seguida da misa maior está prevista para o sábado 2 de febreiro ás 13 horas
Bicando a reliquia de San Francisco Blanco na capela de Outarelo. /Foto: Carlos G. Hervella.

A localidade barquense de Outarelo está esta fin de semana de festa na honra a San Francisco Blanco. Quen así o desexe, poderá asistir a calquera das misas que se celebrarán cada hora dende as dez da mañá, especialmente pensadas para que todo aquel ao que lle sexa imposible asistir á misa maior, poida participar nas celebracións eucarísticas polo mártir do Tameirón.

Con todo, o momento máis esperado polos devotos de San Francisco Blanco chegará ás 13h, cando, se a chuvia non o impide, dé comezo a procesión coa imaxe e reliquia do santo polo pobo, amenizada polo grupo de gaiteiros Celtas Largos, que rematará coa eucaristía na que o párroco lembrará a vida, obra e morte por crucifixión do mártir. Durante a celebración, a reliquia do santo permanecerá á vista de todo o mundo para pasarlle as famosas rosquillas que poden aguantar todo o ano sen estropearse, ou simplemente pasar a man pola urna e incluso bicala.

A fe move montañas e as posibles dificultades non impiden que os devotos acudan á chamada do santo. Entre eles os diferentes grupos de amigos que se achegan ata Outarelo para asistir aos actos e despois reunirse nas adegas do pobo e celebrar a súa particular festa con xantar incluído. Tamén diante do local social haberá caldeiros con polbo á feira e bebida. Ao día seguinte, domingo 3 de febreiro, haberá misa de San Antonio ás 13:30 horas. O apartado musical da festa correrá por conta de Discomovida A Boa Festa.

Artigos relacionados

Back to top button