EntrevistasÚltima hora

Rubén Álvarez: “Debuxar é unha forma de poder expresarme”

Este barquense está mergullado dende hai 8 anos no debuxo a plumilla con tinta chinesa, unha técnica “moi dura e delicada"

Rubén Álvarez cun debuxo seu a tinta chinesa da Catedral de Santiago.

 

A liña é o principio base do debuxo a tinta chinesa, unha “técnica moi dura e delicada, na que, cando cometes un erro, xa non hai volta atrás”, di Rubén Álvarez (O Barco, 1972), que leva oito anos mergullado nesta arte tan esixente como apaixoante, que, ademais, vén de converter na súa forma de vida.

“Dende pequeno sempre tiven moita afección polo debuxo, pero, por circunstancias da vida, non puiden dedicarme a el. Comecei debuxando a lapis e carboncillo, despois toquei a pintura ao óleo, ata que descubrín a pluma de inmersión e a tinta chinesa. Fascinábame o feito de poder debuxar cunha combinación de metal e tinta, como se facía antigamente para escribir e realizar bocetos ou debuxos. Co tempo, descubrín o realismo en debuxos que parecían auténticas fotografías en branco e negro, e impresionoume tanto que decidín aprender esa técnica”, conta.

Formouse nela durante varios anos e empezou a facer os seus primeiros debuxos. Con 45 anos deixaba o negocio familiar no que traballaba no Barco e comezaba unha nova etapa, trasladándose a vivir a Lalín (Pontevedra). Agora ten unha páxina web propia https://penart.es/ (en inglés, a arte da pluma) na que amosa a súa obra e conta cun apartado para encargar traballos. “O que intento expresar nas miñas obras é o aprezo artístico. Estou moi contento de ter descuberto esta nova faceta miña na que é todo a base de insistencia, de debuxar e debuxar, pero sobre todo, de desfrutar e de debuxar para min, senón sería imposible”, conta este artista que asina como R. Álvarez.

 

Debuxo de Rubén Álvarez do casco antigo do Barco dende a pasarela que une esta zona con Viloira.

 

¿Por que a tinta chinesa e a plumilla?

Xa de neno chamábame a atención a plumilla, o de mollala no tinteiro e debuxar, gustábame moito ese tipo de escritura. Despois, todo xurdiu a raíz de que vin en internet uns debuxos con esta técnica feitos por mestres de China e parecéronme impresionantes, realmente semelleban fotos en branco e negro. Escribinlles correos electrónicos e tiven a sorte de que un deles contestoume. Entón pedinlle algúns dos seus traballos dixitalizados para poder estudar os trazos e as liñas, e a verdade é que se portou moi ben. Mandoume uns cantos debuxos e logo eu íalle enviando os que facía para que me dese a súa opinión. Veume estupendamente como axuda.

Dende que empecei a interesarme polo tema ata que fun capaz de poñerme a debuxar en serio pasaron dous anos porque non me atrevía, dábame un pouco de medo a sensación de non poder lograr os tonos grises, os contrastes fortes entre o branco e o negro, e tamén que os trazos non estivesen ben definidos. Recoñezo que é unha técnica bastante dura e moi esixente, hai veces que chegas ata o esgotamento do cansada que é.

 

Rúa de Lalín, noutro dos traballos de Rubén Álvarez.

 

¿Que pretende expresar nos seus debuxos?

O meu material creativo son as fotografías, considéroas unha ferramenta moi boa para estudar a natureza das cousas. A partir delas trato de expresar unha imaxe nun debuxo realista. Por unha banda está o estilo do hiperrealismo, que é como se fose unha fotografía, e por outra o realismo, no que eu me movo, xa que, aínda que defino bastante ben os detalles, non quero que o meu traballo se vexa como unha foto cravada, senón como un debuxo.

¿Como é o proceso que segue ao realizar unha obra?

Nun principio pasaba a fotografía a branco e negro, a escala de grises, pero logo decidín deixala a cor porque hai certos tonos, como o vermello ou o verde, que en branco negro non os percibes. Desa foto intentas facer algo creativo, segundo as luces, as sombras, e iso vasllo dando ao debuxo en tinta chinesa. O que acostumo facer é dividir a fotografía en cuadrículas e esas cuadrículas pásoas á folla na que vou debuxar, que é dun papel de moi alta calidade e gramaxe, tipo cartolina.

Despois xa fago un boceto pequeno, como un contorno, e vou debuxando con tinta e plumilla na lámina para expresar as cousas á miña maneira. Non é ese debuxo de liñas grosas e longas que se adoita facer, senón unha técnica de liñas moi finas, montadas unhas enriba das outras ata crear unha textura e un tono, xerando unha escala de grises onde os necesites.

Aquí en caso de erro non hai volta atrás, non se pode corrixir…

Exacto. O da tinta chinesa é complicado porque se te pasas cargando estropeas o debuxo. A clave non está na tinta que cargues na plumilla, senón na presión que ti exerzas no pulso para debuxar esas liñas e crear eses tonos. É certo que podes levar unha semana cun debuxo e acabar rompéndoo porque te pasaches en sitios onde xa non se pode mellorar.

¿Cando tarda en realizar un debuxo?

Depende do complicado que sexa o traballo. O formato máis grande que cheguei a facer é tamaño A2, é dicir, 42×60 cm, e veño tardando entre 20 días e 1 mes. Facer unha obra grande xa require ter moita soltura e un bo estado de ánimo porque, se non o tes, o debuxo vaise ver afectado, a obra empézache a saír mal e acabas estragándoa. No caso dos retratos, normalmente uso o A3.

A súa formación é totalmente autodidacta, ¿segue formándose?

Si, teño uns coñecementos de debuxo pero, fundamentalmente, o que fago é estudar os traballos dos demais, fixándome nos trazos, pero por moito que estudes o traballo dunha persoa ao final sempre che sae o teu propio estilo. Eu sei que aínda me queda moito por aprender e vou seguir formándome e intentar avanzar paso a paso, e sempre facendo traballos que están dentro das miñas capacidades porque cada un ten un tipo de coñecementos e unhas habilidades diferentes. Para dominar este clase de debuxo tamén me gustaría nalgún momento chegar a facer algo de cor.

O debuxo é algo que lle interesa dende neno, pero que agora ocupa unha parte central da súa vida, ¿que significa para vostede debuxar?

Realmente é algo que me apaixoa, reláxame poder expresarme, e expresar non só o lado belo das cousas, senón tamén o feo. Ao principio debuxaba para min, pero logo as persoas do meu entorno máis próximo empezaron a valorar eses traballos e a animarme para que o tomase máis en serio, e así o fixen. Nisto tes que ser insistente porque como non o sexas veste abaixo, algo que lle pasa a moita xente e que acaba abandonando.

¿Está contento coa decisión tomada?

Estou supercontento, ademais dedicarme ao debuxo permíteme compaxinar o traballo con outras actividades. Por exemplo, agora teño un bebé e deste xeito podo estar con el e quitarlle labor á súa nai, que tamén traballa, e así podemos repartirnos.

Texto: A.R.
Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button