CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Rufino, cronista fotográfico da Valdeorras da posguerra

O vindeiro 14 de xuño cúmprese o centenario deste destacado fotógrafo, natural da Veiga de Cascallá (Rubiá) e falecido en 1981

 

Cada unha das súas fotografías é un valioso anaco da historia valdeorresa. Dende as instantáneas que relatan os efectos da caída da vella ponte barquese de San Fernando por un inmenso Sil nunha tráxica tarde de decembro de 1959 ata as que contan como funcionaban as minas de wolframio de Casaio en 1946, as procesións de festas tan sinaladas como as do Cristo ou o lecer no río.

Pero, tamén aquelas outras nas que retrata ás xentes desta comarca en situacións tan cotiás como a rutina dun barbeiro, un curso de costura ou mesmo un pobre pedindo na rúa. Rufino Rodríguez Llau está considerado un dos fotógrafos históricos de Galicia e o cronista gráfico máis destacado dos anos da posguerra en Valdeorras. Nacía na Veiga de Cascallá (Rubiá) un 14 de xuño de hai cen anos e durante catro décadas fotografou o devalar da comarca e das súas xentes.

 

O fotógrafo Rufino Rodríguez Llau.

 

Dende moi novo mergullouse de forma autodidacta no mundo da fotografía e comezou a traballar de forma ambulante entre Lugo e A Coruña. Non foi ata 1945 cando abriu o seu estudio no Barco, “pero non deixará de saír á rúa coa cámara colgada recollendo calquera suceso ou acontecemento local”, tal e como se recolle no libro “Cen anos de O Barco nas fotos”, con recompilación e notas de Gustavo Docampo e editado polo Concello do Barco.

 

 

Esa preferencia pola rúa era unha das singularidades de Rufino, case converténdoo nun precedente dos reporteiros gráficos. Contan que acostumaba moverse en tren, que era un home de semblante amable e xeneroso, cunha gran capacidade de observación e curiosidade e que ademais tiña “unha clara visión de futuro fotografando os cambios que se van producindo na paisaxe e nas construcións”, citando de novo o libro “Cen anos de O Barco nas fotos”. Ademais traballou para xornais e revistas cubrindo feitos de actualidade na comarca.

O vindeiro domingo 14 de xuño cumprirase o centenario deste fotógrafo, falecido en 1981, pero cuxa mirada fotográfica continúa viva na súa ampla e diversa obra gráfica, recollida en libros como o xa citado ou en “O Barco 1885-1969. Memoria fotográfica” (2006), así como divulgada a través de diferentes exposicións. Ademais o seu nome foi incluído polo Ministerio de Cultura na lista de fotógrafos históricos de España.

 

 

Un legado cun gran valor documental ao que lle deron continuidade as súas fillas Chelo e Chiru, que están á fronte do estudio que poñía en marcha Rufino en 1945 na vila barquense.

Fotos: cedidas. Case todas están publicadas nos libros “Cen anos de O Barco nas fotos” (1990) e “O Barco 1885-1969. Memoria fotográfica” (2006).

Artigos relacionados

Back to top button