CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O Belén de Rubiá, unha catequese visual

Pode visitarse no Salón Parroquial Virxe do Camiño ata o 4 de febreiro. Ata o 7 de xaneiro a diario de 17 a 20 horas; e do 8 de xaneiro ao 4 de febreiro nas fins de semana no mesmo horario

 

Dende o 24 de decembro, durante a Misa do Galo, e ata o 4 de febreiro de 2024. É o período durante o cal se pode visitar o Belén de Rubiá. Un nacemento artesán e bíblico co que os belenistas recrean dunha forma plástica e visible o nacemento de Xesús “unha historia que ocorreu hai máis de 2.000 anos”, puntualiza María Carmen Núñez belenista e principal artífice da obra.

 

 

De estilo hebreo e gran extensión coas catro fases de luz que o caracterizan (dende o amencer ata a noite, pasando polo día e o serán), e un gran realismo, as escenas bíblicas ubicadas en diferentes zonas xeográficas ben diferenciadas (Xerusalén, Incaín, Nazaret, Belén e Exipto) enriquecidas con edificacións e gran variedade de oficios propios da época, paisaxe e multitude de elementos ornamentais, configuran un marco ideal para vivir con ilusión e intensidade o misterio do Nadal.

 

María Carmen Núñez.

 

Dende a Anunciación por parte do Anxo a María ata o Bautismo de Xesús, pasando polo Censo, a Búsqueda de Pousada, a Natividade (escea central do belén), a Fuxida a Exipto, a Presentación de Xesús ou a Circuncisión diante da Sinagoga. Todo un percorrido pola vida de Xesús “achegándonos ao Neno que naceu no pesebre, en Belén”, explican dende a asociación, engadindo que se trata dun nacemento bíblico “e como cristiáns que somos tratamos de amosar o paso de Xesús por este mundo, representando plasticamente pasaxes das Sagradas Escrituras.

 

 

Un traballo feito con moito detalle, delicadeza, cariño, arte e ilusión, “que reflicte unha historia que non se pode ocultar, unha tradición que non se pode perder e hai que promover”, asegura María Carmen, engadindo que facer un belén como o de Rubiá “é evanxelizar e lembrar cada Nadal que Deus se fixo home nacendo nunha cova”.

 

 

Aínda que parece que xa non hai moito máis que engadir, seguen enriquecendo o nacemento con novas edificacións, figuras e movementos. Entre as últimas incorporacións están tres dioramas (representacións tridimensioanais) que outorgan aínda maior realismo e profundidade ás escenas.

 

 

Quen aínda non coñeza esta espectacular catequese plástica, pode visitala no Salón Parroquial Virxe do Camiño, ata o 7 de xaneiro a diario de 17 a 20 horas; e do 8 de xaneiro ao 4 de febreiro nas fins de semana no mesmo horario.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button