ConcellosÚltima hora

A Ruta dos Fornos de Celavente chega mañá á X edición

O percorrido pola localidade bolesa comezará ás 13h. diante do Bar Rodríguez
Participantes na ruta o ano pasado. /Foto: Carlos G. Hervella.

Parece que foi onte e xa pasaron dez anos, dende que a Asociación Centro de Animación Rural de Celavente decidía organizar unha actividade para dar a coñecer e poñer en valor os fornos comunais e fontes restaurados do pobo. Así nacía a Ruta dos Fornos, unha festa que combina gastronomía, natureza, sendeirismo, patrimonio e ata artesanía na que se percorre boa parte do pobo comendo e bebendo en cada parada, que se celebra mañá, sábado 29 de abril, contando coa colaboración de Protección Civil do Bolo.

Tal como adiantan dende a organización, o evento seguirá a mesma liña de anos anteriores e será o veciño Juan Corzo quen marcará o inicio da ruta no punto de partida da camiñata, coa lectura dos poemas que el mesmo escribe adicados ao pobo de Celavente. Alí, na caseta instalada na estrada fronte ao bar Rodríguez, os asistentes poderán recoller a taza e as entradas (no caso de que as teñan reservadas) e xa ás 13h. tralo pregón e co acompañamento musical da charanga, arrancará o percorrido duns 4.600m polos diferentes barrios deste pobo do concello do Bolo, atravesando soutos, camiños e rúas, ata rematar na praza onde conclúe a festa e na que un ano máis haberá postos de artesanía e gastronomía, entre os que non faltarán os doces de castaña e froitas de Caurelor.

 

Durante a ruta tamén se pode degustar xamón asado. /Foto: Carlos G. Hervella.

A primeira parada será na zona alta do pobo, no Forno do Viduedo, onde haberá chourizo asado con pan e viño ou auga. A seguinte, tamén na parte alta do pobo será no Forno dos Ortos onde se poderá degustar empanada e de novo, viño e auga. A partires de aí comeza a baixada atravesando soutos e estradas ata chegar á parte baixa da vila. A terceira parada será o Forno de Outeiro con orella e morro cocidos (pan e bebida); e de aí haberá que coller un pequeno desvío para chegar ata a Adega da Capilla, para degustar o doce de castañas. Baixando uns metros máis está o Forno do Fondo no que terán preparado xamón asado. O percorrido complétase co Forno do Campo no que servirán torta de roxóns e licores, e o Forno do Cima con roscón e máis licores para endozar os padais dos camiñantes.

Artigos relacionados

Back to top button