EconomíaEconomíaÚltima hora

A Ruta do Viño de Valdeorras, na nova campaña de Enoturismo Galicia polas cidades galegas

Esta actividade promocional comezará na praza do Obradoiro de Santiago o día 5 de setembro
Cata dun godello valdeorrés./ Foto: Carlos G. Hervella.

A partir do martes 5 de setembro porase en marcha unha campaña especial para promocionar as cinco rutas do viño galegas polas sete cidades da comunidade neste mes de setembro. Nela contarase cun tráiler promocional no que se realizarán catas dos viños (gratuítas) de cada unha das rutas (Valdeorras, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Rías Baixas), ademais de distribuír información sobre elas. Tampouco faltarán as actuacións musicais.

O punto de partida desta campaña de Enoturismo Galicia será a praza do Obradoiro en Santiago de Compostela o día 5 a partires das 11 da mañá. Os días 8 e 9 o tráiler trasladarase ata Ferrol e A Coruña, logo os días 15 e 16 ata Pontevedra e Vigo, e finalmente, os días 22 e 23 ata Ourense e Lugo.

Nesta campaña terá especial protagonismo a ruta valdeorresa, que estará presente en toda as actividades da promoción. “Polas mañás os viños premios Acio de Ouro das Catas do Viño de Galicia 2017, Godeval godello e D’Berna mencía, estarán nos ágapes que se ofrezan ás autoridades de cada localidade. Nesta ocasión levarán a etiqueta do Consello Regulador D.O. Valdeorras para representar á denominación”, segundo informan dende a Ruta do Viño de Valdeorras.

A sumiller Mercedes González durante unha cata.

Ademais, durante as tardes haberá catas comentadas pola sumiller Mercedes González con varias marcas de viños das cinco rutas. No caso de Valdeorras as marcas presentes serán A Coroa godello 2016, O Casal godello 2016, O Cepado godello 2016, Alán de Val Castes Nobres 2014, Virxe de Galir Rosa Rivero mencía crianza 2015 e Joaquín Rebolledo mencía 2016.

 

Cartel das actividades desta campaña en Santiago de Compostela.

Artigos relacionados

Back to top button