Co fin de dar a coñecer as singularidades do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) está previsto que se leven a cabo nesta vindeira fin de semana dúas rutas de sendeirismo por este espazo, único en Galicia polos seus cumios de rocha caliza e natureza mediterránea.
Así o sábado 21 de outubro farase a ruta “O Parque” (circular, de 8 Km,de dificultade media e 3:30h de duración), adicada a coñecer os valores naturais e gozar da paisaxe espectacular deste entorno valdeorrés. A presentación do Parque e punto de encontro será no centro de recepción de visitantes de Biobra ás 10h.
Para o domingo 22 de outubro está previsto o “Roteiro patrimonial” (tamén circular, de 5 km, dificultade media e 3h de duración), no que se poderá descubrir unha antiga mina de pintura, un muíño e a ermida románica de Santo Estevo de Pardollán. Nesta ocasión o punto de encontro será o mirador de Vilardesilva ás 10h. para admirar na súa fermosura o Sil e Penarrubia.
Na tarde do sábado a guía do Parque informará sobre outras rutas e lugares de interese para visitar. Para máis información e inscricións info@sustinea.org ou 988 782 964 (as inscricións poden ser nas dúas rutas ou só nunha delas).
As rutas son gratuítas, pero para unha mellor organización a organización solicita que se realice unha inscrición.