Dende practicamente o inicio da pandemia, en pleno confinamento, Disco Móvil Danzalia, ou o que é o mesmo Santiago Pimentel e Verónica San Juan, veñen amenizando as noites do sábado dende a casa, especialmente en datas sinaladas e sobre todo de cara ao inverno, cunha sesión de música online a través do Facebook.

A noite deste Sábado de Entroido, 13 de febreiro, non foi unha excepción e, ademais da sesión DJ, organizaron un concurso de disfraces con numerosos premios donados por colaboradores para “o mellor”, “o máis orixinal” e “o máis divertido”. A proposta era que a xente se disfrazara na casa, fixera unha foto vendo o directo de Danzalia e a enviara polo messenger do Facebook. Hoxe publicaban todas as fotos e os gañadores.

Xa que as restricións sanitarias obrigaron a suspender todos os actos do Entroido, a iniciativa de Santiago e Verónica tivo moi boa acollida e ademais das numerosas persoas que participaron, houbo outras que lles enviaron as fotos disfrazados pero fóra do concurso.
Fotos: Danzalia.