ConcellosO BarcoÚltima hora

Sae a concurso a mellora do camiño a Santa Mariña (O Barco), fase 5, cun orzamento de 73.000 euros

Exterior da Casa Consistorial do Barco./ Foto: A.R.

 

Desde hoxe está aberto o prazo para a presentación de ofertas para a execución da quinta fase do proxecto da mellora do Camiño a Santa Mariña (O Barco), cun orzamento de algo máis de 73.000 euros e un prazo de execución de dous meses.

“Trátase dunha obra que xa saliu a licitación hai uns meses, quedando deserta por falta de ofertas. Incluída no plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022 de Agader, foi necesario incrementar o orzamento para volver a sacar a obra a concurso, e será o Concello o que se faga cargo dese sobrecoste. As empresas interesadas contan con 20 días naturais para a presentación das súas ofertas”, segundo informa o Concello do Barco.

Inicialmente, o orzamento para esta obra era de 62.774,80 euros, distribuídos en dúas anualidades: 15.000 euros no ano 2022, e case que 48.000 no próximo ano. Ao quedar a primeira licitación deserta, o Agader ampliou o prazo inicial de xustificación da primeira anualidade ata o 15 de decembro.

O obxecto da obra consiste na finalización da mellora do Camiño que une os núcleos de Santigoso e Santa Mariña, de titularidade municipal, mediante a mellora do pavimento entre os PK 3.60 e PK 4.65, así como a mellora do acceso ao núcleo de Santa Mariña desde o camiño, que xa quedou parcialmente reparado en anteriores actuacións. Este camiño é a vía principal de acceso ás localidades indicadas, así como ás terras de cultivo dos habitantes destes núcleos.

O contratista que resulte adxudicatario deberá comprometerse a executar a parte do investimento correspondente a 2022 segundo a axuda solicitada a AGADER, coa data límite e improrrogable do 1 de decembro de 2022, para que o Concello poida dar cumprimento ás súas obrigas de xustificación con AGADER antes do 15 de decembro. A execución da obra restante en ningún caso poderá estenderse máis aló do 30 de maio de 2023.

Artigos relacionados

Back to top button