CulturaCulturaÚltima hora

Sae á luz a superficie completa do hórreo romano de Proendos (Sober)

Está considerado como unha estrutura única no noroeste da Península Ibérica pola disposición dos seus muros paralelos

 

Os traballos da última campaña no xacemento arqueolóxico de Proendos veñen de sacar á luz a superficie completa dun hórreo romano, unha estrutura única no noroeste da Península Ibérica pola disposición dos seus muros paralelos.

Este proxecto permitiu identificar o tamaño completo do hórreo romano localizado na última campaña. Trátase dunha estrutura de máis de 5 metros de ancho e 7 de largo que ocupa unha área de 44,5 metros cadrados. Ademais, no transcurso da intervención tamén se identificou unha posible plataforma de acceso ao mesmo e un conxunto de lousas que bloquean as rúas de ventilación e que, segundo os especialistas da empresa Tempos Arqueólogos S.L, encargada da escavación, poderían indicar o seu uso en diferentes momentos, posteriores ao século I. Tamén foron localizados catro muros de estruturas indeterminadas e que continúan máis aló dos límites da escavación.

Desde o ano 2019

Os achados rexistrados nos actuais traballos e a última campaña impulsada pola Xunta inclúen a constatación da existencia dun hipocausto, unha estancia oca que os romanos adoitaban construír debaixo do chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulara o aire quente; a localización dunha ábsida circular de orixe romana, numerosos materiais e restos das estruturas das edificacións ou fragmentos dun mosaico romano.

A prospección xeofísica levada a cabo polo Concello de Sober no ano 2019 xa permitira constatar a existencia de, polo menos, un complexo de hipocaustos de extensión considerable, varios elementos de posible carácter público e de servizos, posibles estruturas de habitación, unha probable trama urbana ou estruturas funerarias, así como un hipotético sistema de condución de augas.

 

 

Visita do conselleiro de Cultura

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitaba este xacemento na pasada fin de semana. Aseguraba que os resultados desta escavación axudan a comprender como vivían as antigas civilizacións en Galiciae cal foi a incidencia da súa pegada na realidade que hoxe coñecemos.

“Os achados no xacemento de Proendos sitúan este xacemento como un lugar fundamental para comprender a chegada do imperio romano ao noroeste peninsular e a articulación da paisaxe agrícola da Ribeira Sacra”, expuxo. As intervencións impulsadas neste espazo arqueolóxico nos últimos anos elevan o investimento da Xunta por riba dos 83.000€.

Artigos relacionados

Back to top button