OurenseÚltima hora

Sae á rúa a nova edición do calendario solidario da Asociación Down Ourense

A tirada deste ano será de 2.500 exemplares, de mesa e de parede, que se venderán a 5 euros
Presentación do calendario solidario Down Ourense.
Presentación do calendario solidario Down Ourense.

Xa está á venda en diferentes puntos da cidade o calendario solidario 2017 da Asociación Down Ourense, para o que contaron coa colaboración do corpo da Gardia Civil de Ourense e dos fotógrafos Mani Moretón e Emilio Romanos, que “conseguiron captar coas súas cámaras divertidos momentos das persoas usuarias da entidade e axentes do corpo de seguridade”, explican dende Down Ourense.

O acto de presentación do almanaque tiña  lugar na mañá do 22 de novembro no Salón de Plenos do Concello de Ourense, onde a presidenta da entidade, Mara Prieto Fortes, destacou a importancia desta iniciativa e resaltou que “o calendario solidario supón para Down Ourense unha fonte de ingresos moi importante“. Pola súa parte, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, tamén presente, celebrou a participación do goberno local neste proxecto, xa que “o obxectivo último [da venda destes calendarios] é destinar a recadación a programas de autonomía persoal e gañar autonomía é gañar en calidade de vida, autoestima e afán de superación”.

Este ano a tirada será de 2.500 exemplares, 1.250 calendarios de parede e 1.250 calendarios de mesa, que se venderán a 5 euros. Os beneficios obtidos irán destinados integramente ós programas de promoción da autonomía que se levan a cabo en Down Ourense.

Aquelas persoas que así o desexen, poderán adquirir o seu calendario solidario na propia asociación ou na tenda Angelo Milano (Rúa do Paseo, 30) ou ben poderán solicitalo enviando un correo electrónico a downourense@downgalicia.org.  Ademais, tamén poderá conseguirse nos seguintes puntos de venda: Centro Comercial Ponte Vella: 26 de novembro e 3 e 17 de decembro; Hospital Cristal: 22 e 29 de novembro e 15 de decembro; e Hospital Nai: 24 de novembro e 1 e 13 de decembro.

Artigos relacionados

Back to top button