EconomíaEconomíaÚltima hora

San Clodio acolle está fin de semana a XV Festa da Cereixa e do Aceite

O alcalde de Sober e presidente do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra lerá o pregón mañá, domingo 4 de xuño, ás 13h.
As cereixas son as protagonistas esta fin de semana en San Clodio./Foto: Carlos G. Hervella.

Os seis colleiteros que hai no concello de Ribas de Sil, son un ano máis os protagonistas da Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil que celebra esta fin de semana a XV edición, na praia fluvial de San Clodio.

Como en edicións anteriores unhas 25 casetas con produtos gastronómicos e artesáns permanecerán abertas os dous días (3 e 4 de xuño), pero dende o Concello organizaron un programa de actividades complementarias para que a xente desfrute da festa no privilexiado entorno fluvial.

A apertura do recinto tiña lugar esta mañá con pasarrúas a cargo do grupo de gaitas de Ribas de Sil e degustación de cereixas. Xa pola tarde, ás 18 horas abrirase unha exposición de pinturas a cargo dos alumnos da Escola Municipal na Aula de Pesca, cunha sesión de pintura ao aire libre. Ás 19:30h. celebrarase o 9º Trofeo de Fútbol da Cereixa na área deportiva da praia fluvial, e o broche da xornada porao a actuación dun grupo musical.

O sábado espérase xente pero o día grande da Festa da Cereixa e do Aceite será o domingo día 4 con degustación de produtos pola mañá e de novo a posibilidade de ver a exposición de pintura. Ese día haberá tamén animación musical ao longo de toda a xornada. Os primeiros en actuar serán os membros da charanga KM 0 e do Grupo de Gaitas da Escola de Música de Ribas de Sil, que farán un pasarrúas. E xa ás 12h. terá lugar un festival folclórico e musical coa actuación do Grupo de Gaitas da Escola de Música de Ribas de Sil, a agrupación Os Xograres de Lemos e a charanga KM 0. Para ese día está tamén prevista a IV concentración de vehículos antigos que permanecerán expostos todo o día na praia fluvial (presentación e exhibición ás 11:30h.) e tamén a lectura do pregón, en lugar do sábado pola tarde como nas edicións anteriores. Será ás 13h. e correrá a cargo de Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober e presidente do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

 

Artigos relacionados

Back to top button