ConcellosÚltima hora

San Xoán de Río celebra a semana grande das festas de verán

O acto central será a 1ª Festa da Xuventude Ríomola prevista para o venres 23 de xuño
Festa de San Xoán o ano pasado.

San Xoán de Río, o único concello do país que leva “San Xoán” no nome do seu concello, ten xa todo preparado para as festas patronais, con diversas actividades durante toda a semana, e moi especialmente o venres 23 e o sábado 24.

O venres 23 de xuño, a asociación cultural “RíoMola” organiza a 1ª Festa da Xuventude Ríomola. As 20h. darase o pistoletazo de saída cun brindis múltiple no Bar Cruceiro e, unha hora despois, en torno ás 21h. celebrarase no pavillón a cea de San Xoán, onde a xente poderá degustar empanada, sardiñas, parrillada de carne, bica, viño, refrescos, licor café e herbas “todo mercado a produtores locais ou no pequeno comercio da comarca nunha clara aposta por este tipo de consumo”, explican dende a asociación. Trala cea a cita será enfronte ao centro social onde estará preparada a cacheira de San Xoán que se acenderá a medianoite “de forma sorprendente” coa elaboración dunha gran queimada popular que contará co seu famoso esconxuro. Ao remate comezará a o espectáculo musical a cargo de Disco Móvil Show que, chegado dende Allariz,animará a todos os presentes a bailar ata o mencer.

O sábado 24, a comisión de festas toma o mando e organiza a festa mais tradicional. Xa pola mañá haberá un pasarrúas cun grupo de gaiteiros e a continuación celebrarase a misa na honra a San Xoán con procesión e ao remate, espectáculo pirotécnico e sesión vermú. A principal atracción deste día será a orquestra Manchester que actuará en sesión de tarde e tamén verbena.

O domingo 25, a misa de Corpus porá o broche as festas en San Xoán de Río deste ano.

 

Artigos relacionados

Back to top button