
A Mobile Week Ourense 2022 celebrarase entre o 15 e 18 de setembro cunha ampla programación, que inclúe talleres, charlas, conferencias, demostracións ou formación dixital para todos os públicos. A iniciativa, que nace baixo a alianza da Deputación de Ourense e Mobile World Capital Barcelona, está deslocalizada pola provincia e perfilada baixo a necesidade da loita contra o despoboamento rural a través da dixitalización, o achegamento da administración ao cidadán e avanzar na adaptación da poboación á nova realidade tecnolóxica.
Mobile Week é unha iniciativa impulsada por Mobile World Capital Barcelona en alianza, en Ourense, coa Deputación, que permite crear un espazo aberto de reflexión sobre a transformación dixital para afrontar os seus retos, límites e oportunidades a través da arte, a ciencia e a tecnoloxía. A segunda edición era presentada na mañá deste mércores 7 de setembro na sala de prensa da Deputación coa presenza do vicepresidente segundo do goberno provincial, César Fernández; a responsable de Mobile Week en Mobile World Capital Barcelona, Cristina Colom; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o director de Banca Institucional de Abanca en Ourense, Mateo Alonso San Román; a xerente do Inorde, Emma González; e o coordinador da Mobile Week Ourense, Fernando Suárez.

Os contidos, deslocalizados, estruturaranse por colectivos de idade. A Mobile Week Ourense deslocalizará actividades ao longo da provincia, con iniciativas xa programadas en concellos como Xinzo, Celanova, O Irixo ou San Xoán de Río, ademais doutros municipios que se anunciarán durante os próximos días. Os contidos da Mobile Week Ourense están estruturados por colectivos de idade.
Desta forma, os nenos terán actividades como simuladores de coches, competición do xogo “Clash Royale”, tallares de robótica e programación ou de navegación segura. Entre as actividades para familias, destaca, dentro do Family Day, o taller “Digicraft” de Fundación Vodafone, que formará aos máis pequenos nas competencias dixitais para o futuro. O taller “Un mundo conectado” é outra proposta, organizada por CaixaBank, que permite coñecer como é o proceso de ideación dun novo negocio mediante a aplicación de tecnoloxía.
Os adolescentes e mozos contarán, ademais, con accións como a charla da influencer Carla Gabián, un concerto de música electrónica ou pases de curtos de animación. Os pais e educadores terán á súa disposición contidos que virarán ao redor da educación na internet, a prevención de comportamentos de risco de adolescentes ou un escape room sobre a privacidade dixital.

No marco da Mobile Week tamén se presentará a aplicación VouContigo, que traballa como nexo de seguridade entre familias e mozas nos traxectos nocturnos de volta a casa e outros escenarios similares. Os profesionais contarán con actividades sobre os usos da Intelixencia Artificial, fondos de recuperación e a identidade electrónica.
E os organizadores da Mobile Week Ourense deseñaron contidos enfocados para os maiores, con actividades ao redor da ciberseguridade, a formación dixital ou unha escape room sobre o Camiño de Santiago. Ademais, entre as actividades paralelas que se desenvolverán durante estes días, a Mobile Week Ourense contará coa presentación dunha app do Camiño de Santiago, realizada polo Inorde, ou o conta contos “Ciberseguridade con Sofía”.
A segunda edición da Mobile Week Ourense busca xerar interese pola tecnoloxía en todos os sectores poboacionais, con especial atención na contorna rural, a poboación maior e as mulleres, xa que son os colectivos que se enfrontan a un maior risco de quedar atrás no proceso de transformación dixital.



