ConcellosÚltima hora

San Xoán de Río rexistra o primeiro falecemento por COVID-19 e 2 positivos

Exterior do Centro de Saúde de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

Neste domingo 5 de abril vén de producirse o primeiro falecemento por coronavirus en San Xoán de Río, un municipio da comarca das Terras de Trives que ata agora estaba libre de positivos. Así o confirmaban a través dun comunicado conxunto os Concellos de San Xoán de Río, Trives e Manzaneda.

O veciño falecido daba positivo nas últimas horas e “estivo ingresado recentemente no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) por patoloxías previas”, segundo informan os concellos. “Por outra banda”, engaden, “nun foco de contaxio diferente, tamén en San Xoán de Río, 2 persoas veñen de dar positivo por COVID-19. Todas as persoas que estiveron en contacto con esta xente están sendo avisadas para que garden corentena e, no caso de ter calquera mínima sintomatoloxía, poñerse en contacto cos servizos médicos”.

Dende os tres concellos da Área Sanitaria do PAC de Trives (Río, Manzaneda e Trives) transmítese o seu “máis sentido pésame aos familiares e coñecidos da persoa falecida” e envíase unha mensaxe de “fortaleza e ánimo para as persoas que veñen de dar positivo en COVID-19”. Ademais insístese, novamente, en pedir que a cidadanía “respecte as medidas de confinamento de maneira estrita”.

Artigos relacionados

Back to top button