
Pouco a pouco vanse relaxando as medidas de seguridade para atallar a pandemia de coronavirus, tamén no tocante á asistencia a competicións deportivas, cun aforo máximo permitido de 500 persoas para lugares pechados e de mil persoas se se trata de actividades ao aire libre.
Así, segundo a ORDE do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do Covid-19 en Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia, “a celebración de eventos deportivos e competicións deportivas con público, poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado e que a capacidade se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 m nas catro direccións entre os asistentes, salvo que se trate de persoas conviventes, cun límite máximo de 500 persoas para lugares pechados e de mil persoas se se trata de actividades ao aire libre”.
No caso do Estadio Municipal de Calabagueiros, no que compite cada quince días o equipo sénior do Centro de Deportes Barco, serán entre 700 e 750 as persoas que poderán asistir a partir de agora e ata nova orde, aos partidos de fútbol. “Mantendo as distancias, nas bancadas podemos meter como máximo 500 persoas pero podemos colocar cadeiras ao redor do campo ata as 750 como máximo”, explica o presidente do club Nilo Ramos, animando á xente a que acuda a Calabagueiros, con toda a garantía de seguridade.
Unha boa ocasión será no seguinte partido na casa, o martes 8 de decembro: o derbi provincial CD Barco-Ourense CF.