
Os preocupantes datos de incidencia acumulada de tres concellos galegos, un deles o ourensán de Xinzo de Limia. “Teñen unha incidencia acumulada de máis de 1.000, 4 veces máis o nivel máximo considerado en toda España e posúen unha poboación duns 10.000 habitantes”, destacaba o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña no inicio na rolda de prensa desta mañá para dar conta dos acordos tomados polo Comité Clínico de expertos que segue a pandemia do Covid-19 en Galicia.
“Aos cidadáns de Xinzo, Arteixo e Viveiro imos pedirlle un esforzo adicional e máis comprometidos aos dos veciños dos 116 municipios que se sitúan en restricións máximas. Ese esforzo adicional será o peche completo da hostalaría e a supresión de toda actividade non esencial”, segundo adiantaba o conselleiro de Sanidade.
Estas medidas, que inclúen tamén o peche de ximnasios, establecementos de xogo, espectáculos públicos e bibliotecas; publicaranse hoxe no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor ás 00h. do xoves 21 de xaneiro.
Ademais a doutora Carmen Durán indicaba que a incidencia acumulada neses tres concellos nos últimos 10-7 días “había que tomar medidas doutra índole para poder atacar este crecemento no número de casos. En Xinzo pasamos de 105 casos hai unha semana e unha incidencia de 1.080 a 193 casos e unha incidencia de 1.986 no corte do día de onte”.