Explicar o anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia, que suporá a desaparición da área de Valdeorras. Con este obxectivo a Consellería de Sanidade reunía en Santiago aos alcaldes dos concellos desta área sanitaria, ademais de aos portavoces dos grupos municipais na oposición. Entre os rexedores asistentes estaban os do Barco, A Rúa, O Bolo, Viana do Bolo, Manzaneda, Trives, Petín e Larouco.
Á reunión, que tiña lugar no mediodía do 23 de agosto en Santiago, acudían o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, xunto co secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes; o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa; o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; e a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado.
No decurso da xuntanza Vázquez Almuiña explicáballes os principais cambios que introduce o anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia. En particular, asegurábaselles aos representantes municipais que, coa reforma da lei, “a área sanitaria de Ourense quedará formada por tres distritos: Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Os distritos quedarán constituidos expresamente como marco de referencia da actividade de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria que se establecerá arredor do hospital e equivaldrá á area hospitalaria actualmente en vigor”, segundo a información achegada dende a Consellería de Sanidade.
Actualmente, existen en Galicia sete Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIs), 11 áreas sanitarias e 14 hospitais da rede sanitaria pública, tres dos cales -os de Barbanza, Cee e Verín- non se corresponden cunha área sanitaria. Polo tanto, “co obxectivo de axustar a lexislación á realidade, a ordenación territorial sanitaria proposta establece unha distribución en áreas sanitarias e en distritos, como divisións territoriais desas áreas. Na reunión indicouse que o ámbito das áreas coincidirá co das sete actuais EOXIs: A Coruña; Santiago de Compostela; Ferrol; Lugo, Cervo e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés; e Vigo”, citando de novo á consellería.
Na reunión debatíase amplamente sobre o anteproxecto de lei e os representantes municipais realizaban diversas aportacións. Ao seu termo, o conselleiro de Sanidade valoraba moi positivamente a xuntanza mantida, que se desenvolveu nun “clima de colaboración e cordialidade”.
Pola súa banda, o concelleiro de Sanidade do Barco e voceiro da Plataforma Sanitaria de Valdeorras, Orlando Saavedra, tamén presente, aseguraba pouco despois de saír que “foi unha xuntanza de diálogo e de expoñer cada un as súas posicións e preocupaciones, sen embargo a min personalmente non me quitaron as dúbidas, sigo tendo as mesmas dúbidas e preocupacións que tiña antes”. Asemade sinalaba que a Consellería de Sanidade está mantendo en pleno mes de agosto reunións que deberían terse celebrado antes de publicar o anteproxecto da Lei. “Están facendo agora o que deberían ter feito antes de publicar o anteproxecto, e este é o tema. E fanno ante o número enorme de reclamacións que están recibindo… Agora reúnense coas áreas, cos colexios profesionais…, pero en agosto, ¿é este un mes para reunirse, xusto despois de sacar o anteproxecto?”.
Asimesmo adiantaba que o grupo de traballo da Plataforma Sanitaria de Valdeorras ten previsto reunirse mañá para valorar o debatido no encontro co conselleiro e emitir despois unha valoración conxunta.
Outro dos asistente, o concelleiro do PP da Rúa e senador, Avelino García, destacaba o positivo do novo anteproxecto da Lei e apuntaba que esta modificación da Lei é “principalmente administrativa”.