CulturaCulturaÚltima hora

“Santoalla”, a historia do holandés Martin Verfondern

O documental, de case hora e media, estrearase nas salas de cine en Valdeorras cun primeiro pase o día 7 de setembro ás 21h. que incluirá un coloquio

Logo de percorrer durante dous anos diferentes lugares do mundo Margo Pool e Martin Verfondern descubrían, case por casualidade, Santoalla (Petín). Subían na súa furgoneta ata o pobo e tras pasar alí unha noite decidían que aquel sería o seu fogar a partir. Con ilusión e moito traballo esta parella de holandés poñía en marcha un proxecto persoal ligado á agricultura e a recuperación deste pobo, no que tan só vivía outra familia.

Así comeza a historia da desaparición e morte de Martín Verfondern que se conta “Santoalla”, a través da voz da súa viúva. Esta longametraxe, cuxa rodaxe se realizaba entre 2013 e 2016, vai amosando como a relación entre os holandeses e os veciños comeza a deteriorarse e acaba desencadenando a desaparición de Martin e, posteriormente, o descubrimento dos seus restos nunha pista forestal da Veiga. Como contrapunto, no filme aparecen os testemuños dos membros da outra familia que reside no pobo. O filme contou coa xornalista valdeorresa Cristina de la Torre na produción en Galicia.

O traballo é obra dos directores estadounidenses Andrew Becker e Daniel Merher, que tras presentar este filme en diferentes festivais (como é o caso do de Ourense) veñen de escoller Valdeorras para a estrea comercial en cines españois. Unha estrea (grazas á colaboración do Cine Club Groucho Marx e os Concellos do Barco e da Rúa) que terá lugar o 7 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco cunha sesión con coloquio as 21 horas, para despois proxectarse durante toda esa fin de semana (en horario de 20:30 e 22:30h.), ata o luns 11 de setembro cun único pase ás 22:30h.

O venres 15 de setembro será o turno do Centro Cultural Avenida da Rúa, onde haberá tamén unha sesión con coloquio ás 21 horas. O sábado 16 haberá dous pases (20:30 e 22:30h.) e o domingo 17, un ás 20:30h.

Artigos relacionados

Back to top button