En portadaÚltima hora

Sebastián Álvaro, montañeiro e escritor, nas xornadas do Día da Montaña Galega na Veiga

Celebraranse do 15 ao 16 de xuño co fin de "dar a coñecer as nosas montañas, protexelas, admiralas e amalas", din dende o Club Montañas de Trevinca, organizador da cita xunto ao Concello

Imaxe do Macizo de Trevinca./ Cedida.

 

Dun xeito especial celebraráse o 22º aniversario dunha “Aperta a Trevinca”, un xesto simbólico que se producía cun grupo de nenos gaiteiros tocando no teito de Galicia, Pena Trevinca, a 2.127. Dende entón para lembrar esa data celébrase á iniciativa do Club Montañas de Trevinca cada mes de xuño o Día da Montaña Galega.

Celebración que se manterá desta volta, pero dun xeito moi especial. Cun programa conxunto de actos organizado polo Club Montañas de Trevinca e polo Concello da Veiga. Incluirá unha serie de relatorios coa presenza de expertos como Valerià Paül ou o coñecido montañeiro e escritor, Sebastián Álvaro Lomba, que conta cun amplísimo historial de expedicións, aventuras e numerosos libros sobre a montaña e o montañismo. Tamén dirixiu durante 27 anos o programa “Al filo de lo imposible”, que se emitía en RTVE.

Tamén participarán o presidente do Club Montañas de Trevinca, Antonio Fernández, o alcalde da Veiga, Juan Anta, e o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández. Todas as intervencións estarán relacionadas coa idea de protección das montañas e do seu valor histórico, social e tamén económico a partir da súa sustentabilidade.

Este programa desenvolverase na fin de semana do 15 e 16 de xuño. Así os relatorios serán o 15 de xuño, onde tamén se farán visitas a Ponte e ao Centro Astronómico de Trevinca. O domingo farase o ascenso a Pena Trevinca, no que tamén participará Álvaro.

 

Sebastián Álvaro.

 

“Con esta homenaxe á Montaña Galega, tamén queremos pedir un maior recoñecemento e unha máis efectiva protección sobre unha natureza excepcional, na que se atopan refuxiados unha boa parte de endemismos botánicos, maníferos, aves, insectos e reptís de gran valor medioambiental e científico. A nosa mensaxe e petición pode resumirse en dar a coñecer o valor das nosas montañas, protexer as nosas montañas e admirar e amar as nosas montañas”, destacan dende o Club Montañas de Trevinca.

Back to top button