Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Secundino Fernández: “O medio rural necesita medidas correctoras e servizos públicos porque vai cara un punto de non retorno”

O número catro da candidatura do BNG pola provincia de Ourense explica as proposta do Plan Ourense Vivo que esta formación política inclúe no seu programa das eleccións galegas

Secundino Fernández, número 4 do BNG pola provincia de Ourense.

 

“Que haxa un goberno do BNG na Xunta de Galicia vai supor ter un goberno que mire polas zonas rurais e de interior, que non nos deixe no abandono e que promova que estes territorios pesen”. Así o destaca Secundino Fernández Fernández, número catro da lista do BNG pola provincia de Ourense, enxeñeiro de Montes e técnico agrícola, que foi alcalde de Viana do Bolo e hoxe é concelleiro na corporación deste municipio. Malia que xa foi noutra ocasión nunha lista nas eleccións galegas, esta a primeira vez na que o fai en postos de saída e ademais coa sensación de que se perciben ganas de cambio e que este é posible. “Estas eleccións teñen unha compoñente histórica porque hai dende logo a posibilidade real, que dan todas as enquisas e que tamén nos dá a cidadanía, de que poidamos ter un goberno do BNG na Xunta por primeira vez na historia e encabezado por unha muller, Ana Pontón. Co tal todas as persoas que imos na candidatura e o conxunto da militancia do BNG están cunhas ganas de traballar e cunha mobilización incrible. Vemos esa posibilidade histórica de estar neste lugar e neste momento e cremos que vai ser un momento para o recordo para que o que vai supoñer”.

Secundino Fernández, que vén a representar na lista ás comarcas e Monterrei e Viana do Bolo, pon o foco no que pode supoñer ese cambio no goberno galego para o interior galego e, máis en concreto,  para o rural ourensán. “Tan só hai que dar uns pequenos datos para ver como está a situación. Nos quince últimos anos do goberno do PP a provincia de Ourense perdeu o equivalente a tres vilas en poboación, é como se desaparezan dun plumazo O Barco, Verín e Celanova, por exemplo. É dicir, perdéronse 30.000 persoas. Fronte a iso o BNG presenta o Plan Ourense Vivo, que pretende corrixir esa desproporción que hai en Galicia entre as zonas da costa e a do interior. Ese plan de reequilibro territorial contempla a Axencia Territorial Galega que vai estudar todas as eivas e aplicar á parte interior medidas correctoras. Dende logo non podemos seguir perdendo explotacións agrarias, non pode seguir desaparecendo o medio rural, non baixar a poboación das cabeceiras comarcais… E todo iso é froito dun abandono sistemático dos servizos públicos que tivo o PP”.

Con respecto a esa perda de servizos, o candidato do BNG fai fincapé en que a sanidade da provincia de Ourense “é a de peor calidade de todo o país, os servizos sociais desaparecen, o transporte, a actividade agraria, os sectores agrogandeiros, todo iso é un conxunto de actuacións que fixo o PP de abandono do país, que no interior resulta moito máis acusado. Por iso nese reequilibrio territorial é no que temos que facer dende o BNG e temos que traballar en todos eses servizos públicos para poder reverter esa situación”.

 

Secundino Fernández, durante a campaña./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nese senso, o candidato nacionalista menciona unha serie de propostas do BNG de cara a impulsar o rural, matizando que “o medio rural hai que tomalo hoxe como un conxunto, tendo en conta que hoxe nel viven moitas persoas que non traballan nos sectores agrarios, e impulsando políticas directamente vinculadas á produción agrogandeira, pero tamén coa necesidade de facer outras están vinculadas ao territorio, como por exemplo, as de crear espazos atractivos para a poboación mellorando infraestruturas e servizos, a mobilidade, recuperar vivendas ou por exemplo, apoiar a actividade non agraria en zonas rurais. Nesa liña unha medida estrela nese senso é o tícket rural de 15.000 euros ao ano para os negocios que se establezan”.

Pero Secundino Fernández resalta que “sen sector agrario é imposible que se manteña o medio rural, este sería o sector fundamental. E aí básico que os produtores teñan uns prezos que realmente lles permitan vivir da súa actividade, por iso imos recuperar os contratos homologados que se estableceron no viño e que o PP eliminou no 2009. Ademais hai que aplicar a Lei de Cadea Alimentaria para que non se poida vender a perdas. Neses aspectos, que son moi importantes, a Xunta de Galicia dende logo pode actuar e debe actuar”. Outra medida, prosegue o candido do BNG, sería “eliminar esa burocratización da que tanto se queixa o sector, todos estes trámites, debe adaptarse toda a realidade da PAC ao noso país. E temos que darlle máis contido ás oficinas rurais para que poidan axudar aos produtores a facer todo o que é burocracia, como se facía antes. Esas oficinas foron eliminadas paulatinamente para que todo o teñan que facer directamente as persoas e os agricultores”.

Outra cuestión que Secundino Fernández considera fundamental para impulsar o rural é o apoio á “recuperación das terras agrícolas, non podemos ter esa cantidade de terras agrícolas tan grande abandonada. Son miles e miles de hectáreas que mesmo son pasto dos lumes cada determinado tempo, entón temos que actuar aí a través do banco de terras para poñer esas fincas en produción, non podemos ter un país cun 21% de superficie agraria útil, cando no estado español é o 43%. Esas tamén son políticas da Xunta”. Así mesmo, o candidato do BNG menciona a importancia de promover os “ciclos curtos, os mercados locais, ademais de favorecer que todos os sitios nos que a administración poida actuar, dende comedores de hospitais ata comedores de colexios, teñan produtos galegos e locais nos seus menús”.

Neste conxunto de cuestións, incide Fernández, “ten que actuar a Xunta porque son as políticas do noso país e ademais posúe as competencias para facer todo isto no ámbito agrario”, por iso pide o apoio para o BNG. “Nós non podemos seguir nesta situación, a Galicia interior e a Galicia rural non pode seguir nesta situación porque vai cara un punto de non retorno”.

Artigos relacionados

Back to top button