En portadaÚltima hora

Segue activo o incendio de Riodolas (Carballeda) que leva queimado 1.100 hectáreas

Tamén continúan activos 1 lume en Pradoalbar (Vilariño) con 160 has afectadas e outros 8 no sur de Lugo: 3 en Quiroga, 3 en Folgoso do Courel e 2 na Pobra do Brollón

Incendio de Riodolas./ Imaxe: @BrifLaza.

Os incendios continúan afectando de cheo á parte oriental da provincia de Ourense e ao sur da de Lugo. Así, mantense activo o incendio forestal de Riodolas (Carballeda de Valdeorras), que se iniciaba ás 22,09 h. do xoves  e que xa afecta unha superficie estimada de 1.100 hectáreas provisionais, segundo a última actualización de datos (recollidos ás 19:30h. deste sábado) da Consellería do Medio Rural. No seu control levan participado en total 5 técnicos, 16 axentes, 41 brigadas, 20 motobombas, 3 pas, 4 avións e 6 helicópteros.

Tamén segue activo o lume de Pradoalbar (Vilariño de Conso), que comezaba ás 6,57 h. e que afecta unha superficie de 160 hectáreas provisionais dentro do parque natural do Invernadeiro, segundo as últimas estimacións. No seu control traballaron ata o de agora 1 técnico, 6 axentes, 22 brigadas, 6 motobombas, 2 pas, 2 avións e 7 helicópteros.

 

Incendio en Pradoalbar (Vilariño de Conso)./ Foto: @BrifLaza.

 

Ademais seguen activos 8 incendios no sur da veciña provincia de Lugo, a súa situación é a seguinte:

A Pobra do Brollón

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa. O incendio permanece activo desde as 20,37 h. do xoves e afecta unha superficie provisional de 550 hectáreas. Ata o de agora téñense mobilizado para o seu control 2 técnicos, 14 axentes, 23 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 3 helicópteros e 4 avións.

Segue activo desde as 21,14 h. do xoves outro incendio na Pobra do Brollón, tamén na parroquia de Saa, que segundo as últimas estimacións rolda as 50 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado 1 axente, 1 brigada, 1 motobomba e 1 helicóptero.

Folgoso do Courel

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia de Seceda. Este lume iniciouse á 1,40 h. de onte e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.100 hectáreas provisionais. No lugar levan traballado un total de 10 axentes, 19 brigadas, 7 motobombas, 2 avións e 4 helicópteros. Neste lume está participando a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona.

 

Incendio forestal en Seceda (Folgoso do Courel)./ Foto: Brigada de Marroxo.

 

Continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora tamén en Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor. Este lume iniciouse ás 20,42 h. do xoves e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas provisionais. Ata o de agora desprazáronse á zona 3 técnicos, 13 axentes, 23 brigadas, 13 motobombas, 1 pa, 5 avións e 3 helicópteros.

Permanece tamén activo o outro lume de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que comezaba o xoves ás 20,25 h. da tarde. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 500 hectáreas provisionais. No seu control traballaron ata o momento 15 axentes, 17 brigadas, 15 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 6 avións e 5 helicópteros.

Quiroga

Permanece activo desde as 20,29 h. do xoves o incendio no concello lucense de Quiroga, parroquia de Outeiro, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 250 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 2 técnicos, 15 axentes, 16 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 4 avións e 4 helicópteros.

Segue activo desde as 11,42 h. de onte outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que rolda as 180 hectáreas provisionais. Ata o momento levan traballado nel 3 axentes, 7 brigadas, 4 motobombas e 3 helicópteros.

Continúa activo un terceiro incendio forestal en Quiroga, parroquia de Quiroga, que se iniciou ás 12,42 h. de onte e afecta unhas 90 hectáreas provisionais. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 5 axentes, 17 brigadas, 7 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

Controlados os incendios de Ribadavia e Melón

Controlado ás 18,25 h. desta tarde o lume rexistrado no concello de Ribadavia, parroquia de Ribadavia, que comezou ás 22,11 h. do luns. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 65 hectáreas. Para a extinción deste lume lévanse mobilizado 2 técnicos, 32 axentes, 63 brigadas, 46 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 5 avións e 9 helicópteros.

Por outra banda, cContinúa controlado desde as 19,34 h. de onte o lume rexistrado no municipio ourensán de Melón, parroquia de Quins, que se orixinou ás 22,38 h. do martes. Segundo as últimas medicións, afecta unha superficie provisional dunhas 50 hectáreas. No seu control participaron ata o de agora 22 axentes, 33 brigadas, 29 motobombas, 4 pas, 3 avións e 6 helicópteros.

Artigos relacionados

Back to top button