CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Seleccionados os estudantes do IES Martaguisela do Barco para o Concurso Intercentros de Oratoria

O centro vén de rematar a final local deste certame que se celebrará en Sarria e no que participa alumnado de 1º e 2º de ESO, 3º e 4º ESO e 1º e 2º Bacharelato

Entrega de diplomas aos finalistas esta mañá a cargo da directora Carmen Gamarra e a responsable de dinamización lingüística Marta Cortés..

 

O IES Martaguisela do Barco vén de resolver a final local para asistir ao concurso Intercentros de Oratoria Improvisada, que terá lugar en Sarria. “Despois dunha primeira fase de competición por aulas, o luns día 8 e o martes día 9 de abril celebrouse no centro, con gran expectación, a final para escoller aos 9 finalistas que participarán na fase última do certame en Sarria, o vindeiro 16 de abril”, explica Marta Cortés, coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística do centro. O xurado estivo formado por profesorado dos Departamentos de Lingua Galega e Lingua Castelá do instituto.

Esta é a segunda edición deste concurso, organizado polos Equipos de dinamización da Lingua Galega dos centros IES Martaguisela, IES Río Cabe de Monforte e o IES Xograr de Sarria, formando parte dunhas das actividades sinaladas de fomento da lingua. O alumnado pode participar nel nas categorías son as de 1º e 2º de ESO, 3º e 4º ESO e 1º e 2º Bacharelato.

Na primeira das categorías foron elixidos como os mellores oradores Daniel Rodríguez, Camino Núñez e Xoel Pungín. Na segunda categoría resultaron vencedores Miguel Palmer, Ander Quintáns e Lucía Rivera, e na terceira categoría, Sergio Ferreira, Diego Nogueiras e Duarte Domínguez.

O concurso consiste en falar durante un minuto dunha palabra escollida ao chou de entre moitas. “Desde o equipo de Dinamización pensamos que é a mellor forma de que o alumnado se afaga a falar e de que mellore a expresión oral pero ademais, a oratoria é unha disciplina moi completa, mellora a competencia lingüística pero tamén a seguridade persoal, o control das emocións, a empatía, a autoestima e o desenvolvemento persoal de cara a calquera carreira ou profesión, por iso desde o IES Martaguisela apostaremos sempre por esta actividade que xa resultou moi beneficiosa en cursos pasados”, destaca Marta Cortés.

Ademais, adianta que o vindeiro curso, o centro anfitrión e organizador do concurso será o IES Martaguisela, xa que “cada curso un centro participante é o encargado de acoller a final e organizala, como sucede o presente curso co IES Xograr en Sarria e o anterior tivo lugar no IES Río Cabe de Monforte”.

Artigos relacionados

Back to top button