Dentro dos obxectivos de divulgación e dinamización do Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras (GDR7) enmárase o Seminario “Desenvolvemento Rural Leader” que se impartirá na mañá do 11 de outubro na Casa Grande de Viloira (O Barco). Nela participarán diversos expertos dos ámbitos institucional, empresarial e político que abordarán os retos do programa europeo Leader para Valdeorras.
O programa encetarase ás dez da mañá cun acto inaugural no que estará presente a presidenta do GDR7, María Carmen González. De seguido, José Andrés García, presidente da Red Estatal de Desenvolvemento Rural (REDER) abordará os “principios de aplicación Leader período 2014-2020”. Posteriormente darase paso a unha mesa de debate en torno á estratexia Leader e Valdeorras, moderada polo xerente do GDR7, Luis Antonio Rodríguez, na que participarán Asunción Arias, presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras; Severino González, xerente do Clúster da Pizarra de Galicia; o alcalde de Vilamartín, Enrique Barreiro e o director comercial da cooperativa do Barco, Alfredo Vázquez.
Finalmente terá lugar un obradoiro de experiencias Leader, moderada por Víctor Jolín, coordinador da Rede Estatal de Desenvolvemento Rural.