ConcellosÚltima hora

Seminario sobre o oso pardo na Serra do Courel

Desenvolverase do 4 ao 6 de setembro na Estación Científica de Seoane do Courel (Lugo)

Apertura deste seminario na Estación Científica do Courel./ Foto cedida.

Dende este mércores 4 de setembro estase a desenvolver na Estación Científica do Courel (Seoane do Courel) o seminario “A Conservación de grandes carnívoros en áreas de expansión: O caso do oso pardo na Serra do Courel”, que promove a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Este seminario de Verán do Campus Terra 2019 prolongarase ata  6 de setembro. A través del un total de 25 persoas coñecerán máis de preto, da man de expertos, diferentes cuestións vencelladas coa recuperación e a conservación destas especies, así como técnicas e protocolos que están funcionando agora mesmo.

No acto inaugural, celebrado esta mañá participaban o catedrático da USC, Antonio Rigueiro, e o representante da Fundación Oso Pardo, Fernando Ballesteros, e o deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández, entre outras persoas.

 

 

Este foro abordará temas como os ambientes ecolóxicos na Serra do Courel, a convivencia entre grandes carnívoros e humanos, a visión dos actores do territorio sobre a conservación do oso (cunha mesa redonda con asociacións de desenvolvement rural, de turismo, apicultura, gandería e montes veciñais) ou O Courel como refuxio para os vertebrados.

Trátase dun seminario “eminentemente práctico e con enfoque multidisciplinar, no que se abordan os diferentes aspectos relacionados coa recuperación e conservación de poboacións de grandes  carnívoros cando chegan a zonas de expansión nas que estaban ausentes desde moito tempo antes. Analízase en particular o caso da expansión nos últimos anos do oso  pardo cantábrico cara á Serra do Courel como consecuencia do crecemento continuado da poboación, e os retos de conservación que esta chegada ocasiona, así como as técnicas e actuacións que se están poñendo en práctica”, segundo informa  Campus Terra.

O seminario está dirixido por Antonio Rigueiro, da USC, e por Fernando Ballesteros da Fundación Oso Pardo.

 

Artigos relacionados

Back to top button