Vén de rematar a programación musical do Espazo Icatú, na pequena aldea de Teimende, Parada de Sil. O último concerto tiña lugar o 29 de agosto con Sempasúchil, o último proxecto de Ton Risco (que toma o nome dunha flor mexicana), Antonio Casado, Alfonso Calvo e Miguel Cabana. Un fin de ciclo ao que asistiron máis de 200 persoas e que levou a este espazo liderado polo produtor Diego Soto, a converterse na casa da Música independente na Ribeira Sacra. Cheo ata a bandeira como en todos os seus concertos desta e outras tempadas.
Segundo Soto, “conseguimos que a xente da zona e de fóra vexan a Icatú como o Espazo no que non só escoitar música en directo todas as fins de semana, senón como un lugar familiar e de encontro para os amantes da boa música. E isto, é un orgullo”.
239 concertos, documentais e Residencias Artísticas a nivel internacional conforman un dos fenómenos máis importantes artísticos vividos en Galicia nos últimos anos. “Quizais, tras 15 anos programando, foi o ano máis especial porque non só era un aniversario senón a consolidación dun modo de traballar cos artistas no que son eles os que queren vir tocar e vivir o que sente no escenario de pedra”, conclúe Soto.
As miras deste Espazo tómanse un respiro para preparar outros proxectos que nacerán a partir de agora. A viaxe segundo o seu produtor, “será inesquecible e sentarán as bases de internacionalizar este campo artístico os próximos anos nesta zona”.
Fotos cedidas.