
As posturas continúan fixas na reunión do convenio laboral da lousa que celebraba estaba mañá a mesa de negociación, formada por 7 membros da parte sindical (5 membros de UXT, 1 da CIG e 1 de CCOO) e outros tantos pola patronal do sector. “Se hai avances de aquí ao 24 de xullo quedamos en volver a xuntarnos e se non hai avances quedaría paralizada a negociación ata setembro”, comenta Javier Carreiro, secretario xeral de UXT FICA Galicia.
Esta é xa a cuarta reunión celebrada entre as partes, e neste proceso presentáronse ata tres plataformas pola parte sindical. A proposta de UXT, sindicato maioritario (cun 80,2% da representación) plantexa cuestións como un incremento salarial dun 13% a tres anos, pasar a incapacidade temporal por accidente laboral e enfermidade profesional ao 100% (que está nun 90) e manter no 90% o da enfermidade común a partir dos 28 días co máximo de seis meses. Tamén piden unha redución de xornada e non perder adquisitivo, entre outras cuestións. “A patronal ofreceunos no seu momento o 7% de suba salarial e aos tres anos, é dicir, que estamos case no 50% de diferenza e quérennos rebaixar a incapacidade por accidente laboral e enfermidade profesional ao 80% e o mesmo que a IT por enfermidade común baseándose en que hai un absentismo tremendo nas empresas”, comenta Carreiro.
Tras catro xuntanzas sen avances, Carreiro di que lles plantexou á patronal na mesa de negociación que “a ver se eles eran capaces de facer deberes e eles tamén facer deberes para o día 24 de xullo, senón que o deixaríamos para reflexionar o que queda de verán para volver a vernos a primeiros de setembro. Penso que chega un momento no que xa temos que empezar a avanzar eu espero que nestes días o reflexionen e pasen a negociar certos puntos”.
Con respecto ás outras plataformas presentas polos sindicatos (a da CIG e CCOO), Carreiro comenta que hai “moitos puntos nos que somos coincidentes”.