En portadaGalerías de fotosSanidadeÚltima horaVídeos

Sentida homenaxe sorpresa ao doutor Masferrer no seu último día no Hospital de Valdeorras

 

Este 28 de abril era o último día como profesional do Hospital Público de Valdeorras para o doutor Jospe Masferrer, xefe do Servizo de Medicina Interna deste centro, antes da súa xubilación. E coincidindo con este feito, e co seu aniversario, a xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco organizáballe ás 14h. no salón de actos unha homenaxe sorpresa, á que acodían os seus compañeiros no hospital valdeorrés.

Totalmente sorprendido entraba no salón de actos entre os aplausos do persoal do centro, amosando o seu agradecemento. Acto seguido, proxectábase un vídeo que percorría a súa traxectoria persoal e profesional, con diferentes imaxes, comentadas polo doutor no decurso da proxección. “Moitas grazas a todos vós por tantos anos de traballo, por tantos anos de compañeirismo, por tantos apuros que pasamos todos, por tantas axudas, por tantísimas cousas…”, dicía.

Ademais o doutor Masferrer, natural de Xirona, recordaba que “foron máis de 38 anos, fundamentalmente de traballo. Eu cheguei aquí sen ningunha idea preconcebida por 9 meses e quedeime 38 anos. Cando viñen había pouco máis que as paredes, había un proxecto de hospital que non era hospital naquel momento e afortundamente, coa axuda de moitísima xente, este proxecto de hospital anos despois converteuse en realidade. Moitas grazas”.

 

 

Tamén tomaba a palabra Margarita Rodríguez, a directora do distrito, tras darlle un bico e felicitalo polo seu aniversario. Momento no que tamén soaba “o cumpreanos feliz” cantado polos presentes. A directora do Distrito de Valdeorras que tamén agradecía o seu labor, especialmente nestes últimos anos de pandemia. Sobre isto o doutor Masferrer destacaba o especialmente o traballo realizado polo servizo de Medicina Interna, “arrimaron o ombro, traballaron moito e protestaron pouco, foi unha época moi difícil e teño que agradecer o seu compañeirismo”.

Finalmente, este especialista en Medicina Interna recibía de mans de Margarita Rodríguez unha escultura de Buciños como agasallo de despedida. Despois emocionados, os asistentes ao acto ían saudando e despíndose un a un do doutor Masferrer entre abrazos e bágoas.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button