EntrevistasÚltima hora

“Sentímonos baleiros por non poder representar a nosa tradición, pero agora o importante é a saúde”

Jorge Domínguez, membro da Asociación A Robreda e da organización do Entroido de Viana do Bolo

Publicidade
Jorge Domínguez, xunto á figura de Boteiro colocada no pilón da praza Maior de Viana neste Entroido./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Contrariamente ao que debería ser o Entroido, por mor da situación sanitaria actual en moitos lugares da provincia estanse a vivir estas datas con fonda tristura e emoción por non poder cumprir co que consideran moito máis que unha festa. É o caso de Viana do Bolo, tal e como relata en primeira persoa Jorge Domínguez “Minas”, membro da Asociación A Robreda e tamén responsable da organización do Entroido vianés nos últimos anos.

“Esta situación a todos nos quitou un cacho do corazón, da nosa vida, pero creo que non é o momento de dar un paso atrás, todo o contrario, é o momento de estar máis unidos e máis fortes para, o ano que vén, non perder ese sentimento e representar a festa da mellor maneira posible”, destaca Domínguez.

 

Domínguez con dous compañeiros da Asociación A Robreda: Andrés Ortiz e Pedro Basalo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Cales son as sensacións nestes días de Entroido tan insólitos?

Síntome baleiro porque a min, como aos demais, fáltanos ver a praza da vila ateigada de xente, poder baixar cos diferentes fulións e representar a nosa tradición. Non poder facelo supón quitarnos un cacho da nosa vida. Os fulións dos pobos de Viana, e máis os da vila, temos moi arraigado o Entroido.

Pódenche quitar as festas de agosto, que non poidas ir un fin de semana á praia ou a outro lado, pero cando che quitan a túa identidade, a tradición que estás agardando todo un ano para representar uff… iso xa empeza a tocar no psicolóxico, toca no corazón. Este domingo andaba co corazón encollido, e levo varios días dándolle voltas á cabeza, pero hai que ser fortes, seguir e animar á xente para que todo isto tire para adiante. O importante agora mesmo é a saúde, estar ben para, o ano que vén, non perder ese sentimento e representar a festa da mellor maneira.

Falo de sentimentos porque quérolle moito ao Entroido e penso que quizais esta situación vainos facer tamén mellorar como persoas e pensar que cada vez hai que ser máis solidario e empáticos cos demais.

Un dos días grandes do Entroido vianés é o Domingo Gordo, no que este ano non houbo fulións, as rúas estaban baleiras…

O domingo pola mañá fixen andando o percorrido habitual dos fulións (dende o Toural ata a praza Maior de Viana), co corazón encollido e caiánseme as bágoas. Levo dende pequeniño neste tema e tamén moitos anos a cargo da organización e isto córtame a vida. É un día moi importante, sobre todo, para os cativos.

 

Os membros da Asociación A Robreda na praza Maior de Viana./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ainda quedan dous días de Entroido, ¿cal é a mensaxe que lle gustaría transmitir aos vianeses?

Hai que seguir e ser fortes, ter sentido e protexer á nosa xente. Intentaremos seguir tirando de recordos estes dous días a través da canle de youtube “Entrudio Viana do Bolo”, con documentais que nos quedan por presentar e outro material. E a partir do Mércores de Cinsa teremos que plantexarnos que organizar para o 2022, se a situación acompaña e todo isto cambia.

O futuro é esperanza e temos esperanza de que todo vaia a mellor e de que no 2022 retomemos con máis ganas o noso sentimento e o representemos dobremente para recuperar este anaco de vida deste ano.

Fotos: Carlos G. Hervella
Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button