“Un monólogo comigo mesmo pero dialogando co público. Ou ao revés, un diálogo co público pero falando comigo mesmo”. Así define Sergio Pazos o seu espectáculo “Rebento se non o conto” co que se achegará o vindeiro venres 18 de decembro ata Quiroga.
En concreto será na cervexería-pub Ruxe Ruxe, onde o actor e humorista (“Caiga Quien Caiga”, “Pratos Combinados”, “Cuéntame”…) botará man de todo o seu encanto para meterse ao público no peto, cun impactante espectáculo humorístico e crítico a partes iguais, no que tampouco se esquecerá do val de Quiroga e dos seus habitantes.
Nesta actuación, a primeira de Pazos na localidade lucense, o artista ourensán aproveitará a retranca galega para “analizar a situación desta España nosa, tan surrealista ás veces, tan deprimente outras, pero iso si, sempre sorprendente e divertida”, tratando de dar resposta (ou non) a preguntas tan rebuscadas como ¿por qué os galegos somos tan distintos ata para os monólogos?, ¿Por qué a crise?, ¿Por qué a crise da política, dos políticos, da Casa Real, dos “personajillos” populares e televisivos?
Sempre no fío da ironía, con gracia e salero, Sergio Pazos falará da actualidade (do mundo, de Galicia e de Quiroga) para conseguir sacar un sorriso ao público.
A cita será o venres 18 a partires das 23;30h. Prezo da entrada 5 euros.