En portadaÚltima hora

Soben a 15 os ingresos por coronavirus no Hospital de Valdeorras

A comunidade galega rexistra 5.175 casos activos de COVID-19, dos que 921 están na área de Ourense

Hospital de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco rexistra 921 casos activos por coronavirus, segundo se recolle na última actualización de datos facilitada pola Consellería de Sanidade. Dese total, 728 pacientes permanecen a seguemento a domicilio, 175 están ingresados en planta nun hospital e 18 en UCI.

Por centros hospitalarios, o Hospital Universitario de Ourense ten 150 pacientes en planta  e 18 en UCI. Os pacientes da UCI teñen todos prognóstico grave. No Hospital de Valdeorras son 15 os ingresados en planta e no Hospital de Verín 9. Ademais na Clínica El Carmen hai un paciente en planta.

O total de casos rexistrados na provincia de coronavirus ascende a 1.033, con 79 altas e 33 falecementos.

Os datos galegos

A comunidade galega rexistra 5.175 casos activos de COVID-19, tal e como se reflexa na última actualización de datos dada a coñecer nesta mañá pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Dese total, 1.058 casos corresponden á área da Coruña, 555 son da de Lugo, 921 da de Ourense, 444 da de Pontevedra, 1.075 da área de Vigo, 816 da de Santiago, e 306 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos en Galicia, 169 permanecen en UCI, 893 están en unidades de hospitalización e 4.113 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 587 altas de pacientes e 182 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 28.191.

Hai que ter en conta que os datos da Consellería de Sanidade non inclúen dende o 1 de abril nin ao persoal dos centros da terceira idade nin aos residentes que non estean ingresados en hospitais.

As cifras nas residencias de maiores

No que se refire aos casos activos de coronavirus de residentes de centros da terceira idade galegos son, segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Política Social, un total de 588 usuarios. Deles, 220 están en residencias de maiores da provincia de Ourense: 22 en Ntra Sra de Fátima (O Barco de Valdeorras), 7 na Res. Castro Caldelas, ademais dunha persoa falecida;  43 na de San Carlos (Celanova),  ademais dunha persoa falecida, 1 na Res. Lecer Avoíños (Coles), 107 en Ntra Sra de La Esperanza, San Rosendo (Ourense), ademais de sete persoas falecidas;  35 na Res. Divino Maestro, San Rosendo (Ourense), ademais dunha persoa falecida;  3 na Res. Galisenior (Ourense), 1 na Res. DomusVi Pereiro (O Pereiro de Aguiar) e 1 na Res. Ramirás (Ramirás).

Por outra banda, son 209 traballadores de centros de maiores galegos con coronavirus, segundo Política Social. No relativo á provincia de Ourense hai 83 casos, que son os seguintes por residencias: 4 en Nosa Señora de Fátima (O Barco), 3 na Res. Castro Caldelas, 18 en San Carlos (Celanova), 3 na Res. San José, Hermanitas (Ourense), 34 en Ntra Sra de La Esperanza, San Rosendo (Ourense); 19 na Res. Divino Maestro, San Rosendo (Ourense); 1 na Residencia Os Gozos (O Pereiro de Aguiar) e 1 na Residencia Maiores A Porqueira.

“No día de onte rexistráronse dous novos falecementos en centros residenciais de maiores: unha persoa na residencia El Portazgo (A Coruña) e unha persoa en Nuestra Señora de la Esperanza (Ourense)”, sinala Política Social.

Artigos relacionados

Back to top button