
As 22 parroquias de Sober beneficiaranse da última fase de sinalización integral que está a levar a cabo o goberno local no municipio. Esta actuación, consistente en colocar sinais en todos os núcleos e recursos turísticos, está financiada cunha achega da Deputación de Lugo do 95%. As arcas municipais completan o resto. A parte de renovar a sinalización, o alcalde soberino, Luis Fernández, adianta que o Concello aproveitará esta axuda para retirar sinais vella, oxidadas ou que resulten confusas.
Desta maneira está a completarse unha actuación que persegue o obxectivo de dotar de información de ubicación a máis de 300 núcleos espallados por todo o concello, pero tamén de que “non se perdan os nomes de núcleos que ao non existir na escrita deixan de usarse e acaban perdéndose”, din dende o Concello.
Por outra banda, tamén está previsto que se renoven sinais de circulación en vías municipais, sinais direccionais de organismos oficiais, de instalacións deportivas ou de elementos turísticos que hoxe non contan con indicacións.