EconomíaEconomíaÚltima hora

Sober porá en marcha en xuño unha oficina de coworking para Pemes e emprendedores

Comezará a funcionar con 6 postos individuais dotados de fibra óptica e mobiliario de oficina

Parte das instalacións nas que se ubicará este novo espazo./ Foto cedida.

 

O Concello de Sober porá en funcionamento no mes de xuño unha oficina coworking dotada cun mínimo de 6 postos individuais con fibra óptica para pemes e emprendedores. As súas instalación situaranse na primeira planta da Oficina de Turismo na Praza do Concello e ocuparán arredor de 70 metros cadrados.

A oficina poderá ser empregada por veciños de Sober que necesiten teletraballar e non dispoñan de rede adecuada nos seus domicilios e tamén para aquelas pemes ou emprendedores que non teñan un local no que traballar.

O espazo cooworking municipal está especialmente indicado para os profesionais que realicen a maior parte do seu traballo con medios informáticos.

“Todos eles disporán de conexión a Internet mediante fibra óptica e mobiliario básico de oficina, cumprindo a normativa de seguridade e distanciamento social referida á prevención do COVID-19”, indica o Concello de Sober, que ademais se encargará dos labores de limpeza e desinfección dos postos de traballo e comunicará aos usuarios as medidas hixiénicas e de uso que deberán cumprir durante a súa estancia no recinto.

 

 

Axuda aos emprendedores

Esta iniciativa pretende axudar a pequenas empresas, emprendedores e profesionais de Sober que “non poidan facer fronte ao pagamento de alugueres de locais ou non teñan conexión á rede nas súas vivendas, vendo así perigar a continuidade do seu negocio”, explica o Concello, que elaborará un regulamento de uso que permita organizar o espazo e establecerá un prezo simbólico para dispor das instalacións e organizar horarios.

A asignación dos espazos de traballo realizarase por orde de recepción de solicitudes, que poderán facerse por vía telemática ou chamando ao Concello de Sober, unha vez se publique o regulamento.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button