EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Sober presenta a imaxe da XXXVIII Feira do Viño de Amandi

Tamén se daban a coñecer os numerosos e variados actos do “Mes de Amandi”, que precederán a esta mostra prevista do 24 ao 25 de marzo en Sober

O miradoiro de Cadeiras era o escenario escollido nesta ocasión polo Concello de Sober para dar a coñecer o cartel anunciador realizado por Ana Santiso para a XXXVIII Feira do Viño de Amandi, que se celebrará o 24 e 25 de marzo, e os actos do denominado “Mes do Amandi”.

Esta presentación tiña lugar na mañá do 24 de febreiro e nela o alcalde soberino, Luis Fernández Guitián, aseguraba que “esta emblemática festa que hoxe presentamos é posible grazas aos colleiteiros e colleiteiras de Amandi que traballades nas vosas viñas e elaborades nas vosas adegas un produto único e excepcional que trunfa en competencia cos mellores viños do mundo. O viño da Ribeira Sacra en xeral e, o de Amandi en particular, están en continuo progreso grazas ao traballo e bo facer, por un lado do Consello Regulador da D.O. e, por outro, dos viticultores e adegueiros que sabedes adaptarvos aos novos tempos e ás demandas do mercado”.

Os actos do “Mes do Amandi”, que se iniciaban con esta mesma presentación, continuarán o 26 de febreiro co proxecto “Cada un conta a feira segundo lle foi nela”, que se desenvolverá na aula de Informática e Novas Tecnoloxías de Sober. “Trátase dun obradoiro pensado para recompilar material histórico da Feira do Viño de Amandi dende o seu nacemento en 1981 (fotografías, programas, recortes de prensa, etc.), que rematará o 23 de marzo”, segundo o Concello.

Xa en marzo, o día 7 terá lugar ás 19h. no Centro Sociocultural a presentación do libro de poesía “Entre zonas e decibelios” de Barantes Ramón Sandoval, que rematará cun brinde de viño de Amandi. O venres día 9 de marzo ás 12h. inaugurarase no Centro Sociocultural de Sober a mostra “Figuras de antonte e de onte, figuras para o mañá”, paneis que recollen motivos e encintados decorativos de casas con esgrafiados de Sober; que foi 1º premio do Proxecto didáctico Antonio Fraguas do Museo do Pobo Galego, feita por alumnos do IES A Pinguela de Monforte baixo a dirección e coordinación de Manuel Vilar Álvarez.

Nese mesmo lugar o 10 de marzo poderá asistirse ás 20h. ao concerto co cuarteto de saxofóns Kebyart (organizado polas Xuventudes de Sober) e o luns 12 de marzo o CEIP Virxe do Carme acollerá un taller de análise sensorial para alumnado de 5º e 6º de primaria, dirixido por Vinosacra.es. As actividades continuarán o 15 de marzo cunha xornada de maridaxe (de 12h. a 14:30h.) de viño de Amandi e vacún de Galicia na Escola de Hostalaría de Rosende.

O 16 de marzo nas merendas con contos da Biblioteca Pública Municipal farase unha visita a viñedos e Adega Rectoral de Amandi, ao día seguinte ás 20h. no Centro Sociocultural celebrarase un concerto de piano a catro mans a cargo de Yolanda Represas e Pablo Rodríguez (organiza Xuventudes Musicais de Sober) e o día 19 impartirase un seminario de servizo de viños para hostaleiros na Escola de Hostalería da Fundación Belarmino Fernández de Rosende. Ese día ás 16:30 horas no Centro Sociocultural, e dentro dos Faladoiros dos Luns, darase a charla “Educación para a Saúde (medicación, alcol e condución)” a cargo de Luisa Astray, educadora social da Unidade Asistencial de Drogodependencias de Monforte.

E xa o 22 de marzo, de 9h. a 14:30h no Centro Sociocultural de Sober terá lugar a Xornada Técnica “Uso do frío na elaboración de viños”, promovida pola Estación de viticultura e Enoloxía de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button