Valdeorras amosaba unha vez máis a súa solidariedade cunha moi boa acollida da gala benéfica organizada por ALCER (Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renai) Ourense coa colaboración do Concello do Barco, que se celebraba na tarde deste venres 21 de febreiro no Teatro Lauro Olmo.
Amenizado e presentado por Cristina de la Torre contou coa actuación, de forma altruísta, da Escola de Baile Abertal da Rúa, Anxo Rei, Nerea Jiménez, Guti González, o grupo de rock Seika e Fer “a contacontos”. Entre o público, xente de todas as idades, do Presidente da asociación e membros do equipo de Goberno co alcalde Alfredo García á cabeza.
“A enfermidade renal causa un gran impacto na vida da persoa que é diagnosticada, truncando o proxecto de vida e ocasionando na maioría dos casos a imposibilidade de compaxinar o tratamento cunha vida laboral, dada a cantidade de horas que a persoa dedica ao tratamento. Polo que é necesario un diagnóstico precoz, acompañar con información fiable, recursos adecuados e apoio cando chega o diagnóstico, pero sobre todo, é importante cambiar o infradiagnóstico desta doenza e previr para non chegar a necesitar un tratamento sustitutivo”, explican dende ALCER Ourense que leva traballando para as persoas con enfermidade renal crónica e familiares desde o ano 1982, ofertando actualmente servizos de información, apoio, visitas a pacientes en diálises, axudas económicas para as persoas con menos recursos, nutrición, exercicio físico, psicoloxía, sexología, e moito máis.
Cos fondos recadados con esta gala (entradas e venda de merchandising) busca manter estes programas, así como ampliar a súa actividade, que xa se viu aumentada en comarcas como Valdeorras.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.