ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Solta dunha aguia rateira na Serra da Enciña da Lastra para celebrar o Día Europeo dos Parques Naturais

Esta ave rapaz, atopada sen capacidade de voo nun encoro da provincia, pasou cinco meses no Centro de recuperación de fauna do Rodicio

“O patrimonio cultural: tamén na natureza!”. Con este lema estase a celebrar este 24 de maio o Día Europeo dos Parques. Na provincia de Ourense escollíase como escenario o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) para conmemorar esta data coa solta dun exemplar de aguia rateira,  que pasaba cinco meses no Centro de recuperación de fauna do Rodicio. Esta ave era atopada sen capacidade de voo nun encoro da provincia.

“Este animal é unha rapaz que se atopa con certa normalidade no rural galego e contribúe dun xeito natural ao control de roedores”, aseguraba a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, que participaba neste “acto simbólico” acompañada polos membros do seu equipo que, con motivo desta data, tamén celebraron neste espazo protexido unha das súas reunións periódicas para coordinar e supervisar as actividades que os departamentos e órganos autonómicos levan a cabo no ámbito territorial da provincia ourensá.

Díaz Mouteira resaltou a importante diversidade biolóxica, paisaxística e medioambiental dos tres parques naturais da provincia: o Xurés, O Invernadeiro (Vilariño de Conso) e a Serra da Enciña da Lastra e instou á cidadanía a coñecer estes enclaves naturais. “Este da Serra da Enciña da Lastra é o parque natural máis pequeno e tamén o máis xove dos tres, queremos polo en valor e que a xente se achegue a estes espazos naturais”.

Con esta iniciativa, que tamén contaba coa asistencia do alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, e o técnico, Alfonso Fumega, a Delegación Territorial da Xunta en Ourense súmase á iniciativa da Federación Europarc, na que están representadas as institucións implicadas na planificación e xestión dos espazos protexidos, que este ano, con motivo desta efeméride, quere salientar o patrimonio natural e cultural dos parques naturais.

A Serra da Enciña da Lastra é o máis novo dos seis parques naturais de Galicia, foi declarado en maio de 2002, e tamén é o parque máis pequeno dos tres emprazados na provincia de Ourense. Ocupa máis de 3.150 hectáreas con 45 quilómetros de sendeiros repartidos en 10 rutas. Destaca por ter unha paisaxe mediterránea única en Galicia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button