Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Son de Manzaneda e Son de Trives asinan un acordo con En Marea de cara ás eleccións locais

O acto, que contaba coa presenza do voceiro de En Marea, Luis Villares, tiña lugar en Manzaneda na tarde do 18 de outubro

Son de Manzaneda e Son de Trives suman forzas con En Marea. As tres entidades políticas veñen de asinar na tarde do 18 de outubro un acordo de colaboración para “acadar o éxito electoral que nos permita transformar o país de abaixo a arriba, poñendo ás persoas no centro das políticas”.

Este acto público tiña como escenario o salón de actos do Concello de Manzaneda e contaba coa presenza do alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez (Son de Manzaneda), do concelleiro trivés Jorge Vázquez (Son de Trives), do deputado autonómico de En Marea Davide Rodríguez e do voceiro desta formación política, Luis Villares. Mediante este acordo En Marea ofrecerá cobertura, visibilidade e apoio ás mareas locais repectando sempre a súa independencia e as súas decisións, no marco das vindeiras eleccións municipais do 2019.

Era Davide Rodríguez quen abría as intervencións neste acto destacando a importancia desta colaboración para “romper co caciquismo, coas políticas de Baltar e da Xunta, para poder derrotalos”. E lembraba o labor que leva realizado nestes dous anos no Parlamento galego xunto a tamén deputada ourensá Ánxeles Cuña.

Deseguido, Jorge Vázquez comentaba o valor desta alianza entre as “mareas municipalistas”, a clave fundamental, dicía, é “ter liberdade absoluta a nivel municipal para facer as políticas que consideramos oportunas e, ao mesmo tempo, contar cos recursos propios dos partidos. Esta sinatura permitiranos seguir colaborando con este proxecto de En Marea para intentar desbancar ao PP da Deputación, dende onde nos está machacando a toda a provincia”.

O alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, incidía na relevancia deste acordo, “parécenos moi importante para que todos poidamos ir baixo o paraugas de En Marea ou con En Marea para poder facerlle fronte ao PP nos muncipios, na Deputación e no goberno da Xunta. É moi necesario traballar todos xuntos”. Ademais criticou a xestión que se está realizando tanto a nivel provincial como galego cos concellos do rural como Manzaneda. Domínguez tamén adiantaba a súa firme vontade de continuar “mantendo os servizos públicos que xestionamos dende o Concello de Manzaneda” como é o caso da residencia de maiores ou o comedor escolar.

Luís Villares pechaba o acto resaltando o valor desta colaboración entre as mareas locais e o proxecto político de En Marea. “É un acordo entre iguais, non hai sometemento nin submisión”. Comentaba que “non militamos no mesmo partido, porque En Marea non é un partido senón un espazo político, pero si compartimos valores, unha forma de ver e entender a política, de entender á xente”. E avogaba por facer desta cooperación municipal (á que xa teñen adherido a Marea Veciñal de Culleredo, Marea Pontevedra, Somos En Marea Sanxenxo, Somos Cambados, Marea Ponte Caldelas, Lugonovo, Asamblea Cidadá de Bueu, Somos Cabanas e Xente de Rois) “unha malla cada vez máis forte e máis compacta”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button