ConcellosEn portadaO BarcoÚltima horaVídeos

Son do Sil canta a Santa Rita

A agrupación músico-vogal retomaba a súa actividade pública coa ronda á Santa na súa igrexa

 

Coa chegada da primavera Son do Sil sae da súa hibernación e, co ánimo recolleito en 20 voces masculinas, retoma de novo a actividade pública dun grupo que xa é parte da paisaxe musical da vila e referente mesmo na comunidade como pioneiros conseguindo un estilo que os identifica, o “Sondosileño”.

 

 

Nesta ocasión fano “cumprindo cun compromiso adquirido hai tempo e que non puideramos realizar nestes anos que é rondar á nosa Virxe, Santa Rita”, adiantan dende Son do Sil que, motivados polo infatigable párroco D. Jesús facíano na Igrexa de Santa Rita na tarde deste mércores 21 de maio.

 

 

Trala misa do último día de novena, a agrupación músico-vogal subíase ao altar para despregar a súa arte musical deleitando aos asistentes con temas en castelán, galego e inglés. Todo un luxo, tal como aseguraba o párroco ao rematar, dándolle as grazas por ter actuado hoxe, víspera de Santa Rita, e destacando que “a música une e nos fai mellores”. En agradecemento e antes da última peza, entregáballes un medallón da Confraría.

 

 

Como todo na vida o grupo que hoxe cantou a Santa Rita pasou por diversas fases. Nacemento ilusionante, alá polo 2007 liderados por Moises Blanco á dirección musical; máis tarde adolescencia desenfreada; mocidade explosiva; e agora fase de madurez serena, sen correr demasiado porque “os anos van facendo efecto e xa non se perseguen grandes metas se non un gozar sereno do conseguido, gozar do que queremos facer partícipe de novo ao noso pobo que sempre nos acolleu con agarimo e que levamos por bandeira a todos os escenarios que percorremos durante estes 18 anos de andaina”, din, recoñecendo que a pandemia e a idade mermaron o grupo. “Outros por cambio de hábitos, de residencia, por idade e gustos tamén nos deixaron aínda que sempre formarán parte de nós porque axudaron a construír o que é hoxe Son do Sil”.

 

 

Ese grupo alegre e ilusionado que agora abre tamén as portas a todas aquelas persoas afeccionadas á música “interesadas en formar parte da nosa agrupación, experiencia inigualable que non se pode explicar e hai que vivir, que non dubiden en achegarse a calquera dos que formamos Son do Sil e propoñelo ou cada martes a partir das 20h. no noso local de ensaio teñen a súa casa”, aseguran.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button