En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Son do Sil presentará no Barco o seu novo disco

O concerto previsto para o 8 de abril no Teatro Lauro Olmo, abrirá a xira “10 años contigo”

Unha década. Dez anos de historia atesoura Son do Sil, a agrupación músico-vogal nacida no Barco de Valdeorras, dende onde espalla por infinidade de escenarios galegos e mesmo de Castela León, os sons de sempre versionados co “sabor sondosileño”. E nada mellor para celebrar o X aniversario que a publicación dun disco.

Baixo o título “10 años contigo” ese esperado segundo cd da agrupación musical, está xa na rúa e será presentado diante do público, en casa, no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras o vindeiro 8 de abril ás 20h. Con este concerto, Son do Sil abrirá a xira de aniversario que os levará por diferentes puntos de Valdeorras, Benavente, Zamora, Trives,… ao longo de todo o verán, rematando nun concerto especial no que esperan contar coa colaboración musical de diferentes artistas. Así o explicaban na presentación do disco, que tiña lugar na tarde do 31 de marzo no local de ensaio, minutos antes de comezar a traballar.

O disco, que poderá mercarse a partires do día 8, consta de 15 cancións que resumen á perfección o que é Son do Sil, reflexando o seu repertorio e a evolución ao longo destes anos, con esa mestura de estilos que tanto lles gusta, recollendo os temas máis representativos do seu amplo repertorio. Así, no traballo gravado nos Estudios Infosound de Toral de Merayo (Ponferrada) poderemos atopar melodías en catro idiomas. En galego hai temas como Galicia docemente de Manuel María e tamén a súa propia versión de Adeus ríos adeus fontes de Rosalía de Castro; en inglés, cancións tan coñecidas como Can’t help falling in love de Elvis Presley; e en francés La vie en rose de Edith Piaf. E xa en castelán haberá ritmos do folclore americano, boleros e mesmo pop-rock con títulos como Al calor del amor en un bar de Gabinete Caligari, La taberna del Buda de Café Quijano, Andar conmigo de Julieta Venegas ou Quien me ha robado el mes de abril de Joaquín Sabina, entre outras.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button